CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

As farmacias ofrecen a súa rede para facer tests covid e rastrexo de contactos, pero piden seguridade xurídica

28/09/2020 - 08:21 h

Os colexios de farmacéuticos ofrecen a súa rede de 22.000 farmacias en toda España para colaborar na detección do coronavirus. O portavoz do colexio da Coruña, Antonio Busto, apuntaba no Galicia por diante: "Ofrecemos a rede para todo o que sexa aliviar a tensión de atención do xeito que a Administración considere oportuna. Estamos educados nun ámbito multidisciplinar, temos formación en saúde pública, pero sempre dotando de seguridade xurídica aos nosos profesionais, porque son actuacións que non están lexisladas para os farmacéuticos".

Os farmacéuticos tamén queren que a Adminitración habilite unha vía para liberar de traballo os centros de atención primaria permitindo que os pacientes poidan realizar xestións nas farmacias, como a renovación de tratamentos crónicos ou o cambio de medicamentos que cambiaron o seu formato.

Busto cre que é necesaria "unha liña de comunicación directa entre as farmacias e os centros de saúde" para permitir estas xestións e liberar de traballo a unha atención primaria moi sobrecargada pola pandemia.

O portavoz do Colexio da Coruña referiuse tamén ás máscaras KN95, equivalentes a FPP2 pero fabricadas fóra da UE. A súa venda foi autorizada ao principio da pandemia debido á falta de material, pero ese permiso caduca esta mesma semana. Busto sinalou que a maioría dos fabricantes xa solicitaron os certificados de homologación europea desas máscaras, polo que poderán seguir mercándose nas farmacias.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia