CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Mesa de Cataluña, previa

26/02/2020 - 07:39 h

Non houbo xuntanza tan esperada, nin tan temida, nin tan odiada. Depende de quen sexa o interlocutor. Os mesmos socialistas están divididos. Entre os demais, aos que podemos escoitar todos os días na radio e ler en todos os xornais, hai quen pensa que é unha traizón á patria poñerse a falar cos que queren dividir esa patria. Non falta quen di que non é razoable negociar con quen, como Torra, está inhabilitado como parlamentario pola Xustiza. Tampouco falta quen entende isto como unha manobra de Pedro Sánchez para xustificar a Esquerra Republicana e o seu voto aos orzamentos do Estado. E un sector da poboación pensa, sen máis, que estamos ante un erro histórico e ante unha irresponsabilidade do señor Sánchez.

Este cronista que lles fala está nunha actitude un pouco máis positiva, tampouco moito. Penso que o diálogo hai que intentalo sempre, porque o non xa o temos. E penso, sobre todo, que non se trata de que Torra nin ningún dos seus convidados renuncien á independencia, que non o van facer. Pero si confío, aínda que todo fracase, en que o Estado español ten que demostrar á parte máis razoable da sociedade catalá que non é un Estado opresor, como di a propaganda independentista, senón un Estado que está disposto a escoitar incluso á Cataluña independentista e a chegar a onde as leis o permitan. En Cataluña hai dous millóns e medio de cidadáns que se consideran independentistas. Deles, a metade aínda se poden gañar para a causa de España. A obriga do Goberno é polo menos intentalo. Se non o intenta, o independentismo seguirá medrando, grave responsabilidade de todos os que gobernaron este país.

Feita esta confesión, que non é doada, non confío nada nas intencións de Torra e compañía. Meteu pola súa conta no equipo negociador dous homes de Puigdemont. Segue empeñado en que haxa un mediador, e ademais internacional, como se isto fose un conflito bélico entre dous estados. Cando fala do obxectivo que busca, non lle interesan para nada nin os investimentos nin as infraestruturas nin ningunha cousa da gobernación. Só lle interesa o monotema do referendo e a amnistía, porque é un moneco de Puigdemont. Con estes vimbios non se fai ningunha cesta. Pero non serei eu o que mate o intento antes de que se faga. Penso que, se hai un conflito político, este é o único xeito de resolvelo. Que o intenten, benquerido Valiñas. Pero a miña esperanza, baixo cero.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia