CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Enquisas

25/03/2019 - 08:06 h

A primeira conclusión que se pode sacar das enquisas de onte e de hoxe é o de sempre, pero agravado. O de sempre é que aínda falta tempo, o voto pode cambiar e, aínda que non cambie, está moi diseminado, porque hai máis forzas das que había. A agravante é que nestas condicións non é doado adiviñar cal será o repartimento dos restos nas provincias pequenas, no noso caso nas de Ourense e Lugo. Case parece un xogo de quiniela, e así o recoñecen os mesmos autores dos estudos.

Despois hai unha segunda dificultade: os indecisos, que parecen máis ca nunca. Os mesmos autores das enquisas engaden que moito voto se vai decidir na campaña electoral ou o mesmo día das eleccións. "E moito vaise decidir no propio colexio, diante das papeletas", dicíame un dos máis recoñecidos. Estamos, polo tanto, ante un escenario moi incerto en que ninguén se pode dispoñer a cantar vitoria por adiantado.

E, en canto ao contido, o máis alarmante é o que dicía o estudo de Sondaxe para La Voz de Galicia: pode saír unha España ingobernable, se se confirma que á dereita lle faltarán escanos para alcanzar a maioría absoluta. E hoxe o ABC di que a Sánchez non lle quedará máis remedio que xuntarse cos independentistas, que é un mal escenario para ter un Goberno tranquilo que transmita serenidade ao país.

Nestas condicións, o máis notable é que todo o mundo dá por gañador a Pedro Sánchez, co cal terá a iniciativa de formación de Goberno; quen o ía dicir! E iso merece algunha reflexión: non houbo presidente do Goberno máis criticado e vilipendiado no pouco tempo que leva na Moncloa. Se, a pesar de todo, é o que xunta máis adhesións, estamos ante unha situación singular: derrota da opinión publicada que lle declarou a guerra, erros da oposición que non o soubo rematar, aproveitamento das vantaxes do goberno para vender mellor a súa imaxe e a súa mercancía, e estratexia que conseguiu situalo no centro do mapa político, mentres todos os demais se escoraban á dereita e á esquerda. E iso que Pablo Casado lle chama o presidente máis radical da democracia.

Polo tanto, destas enquisas eu deduzo moitas mensaxes, sobre todo para a dereita: os aspirantes teñen que cambiar o discurso. Ata agora están moi instalados na mensaxe do non. Ou empezar a facer propostas positivas, propostas de construción de país, ou Pedro Sánchez aínda pode medrar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia