CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fiscalía e inmunidade

24/12/2019 - 07:39 h

O primeiro que eu penso é que non é constitucional ter que falar destas cousas o día da Noiteboa. E se é constitucional, tería que deixar de selo. Ata nas guerras se fai unha tregua de Nadal, os soldados deixan de disparar e faise como se houbese paz. Aquí é ao revés, todo se deixou para o Nadal, e agora hai que apeitar con todo: coa investidura, para a que se habilitan uns días tan estraños coma o Día dos Inocentes; coas negociacións, que se están facendo en segredo; e, por se faltara algo, cos conflitos xurídicos que temos por diante.

Horroriza un pouco ler os xornais e escoitar na radio que as presións dos independentistas son as que están a facer que o escrito da Avogacía do Estado se atrase. É como se estivesen forzando as leis e a interpretación das leis para compracer unha minoría, pero desa minoría depende que haxa goberno. E é como se a Fiscalía, que é unha das institucións máis serias dun estado de dereito, non pintase nada ou queren aparentar que non pinta nada. O futuro deste país non depende do Tribunal Supremo, que tamén ten a última palabra, pero funciónase sen agardar ao que vai dicir, ou sen que importe nada o que vai dicir. Isto non pode saír ben. Hai un pouco de indecencia en todo isto.

Se falamos da posición da Fiscalía, os fiscais Zaragoza e Madrigal opóñense á liberdade de Junqueras, como é de sentido común, e marcan doutrina sobre o que é a inmunidade. Eu quedo cunha frase que penso que subscribimos todos, saibamos ou non saibamos de dereito. Textualmente: “A inmunidade non pode converterse en refuxio protector ou xerador de impunidade”. E din noutro punto: “A inmunidade non está para protexer de xeito ilimitado os deputados fronte aos procesos penais que se comezaron e se concluíron antes da convocatoria das eleccións ao Parlamento Europeo”.

Facer iso é o que aquí, neste comentario, chamamos hai días como “inmunidade con carácter retroactivo”, o que parece unha aberración xurídica. Se as leis non teñen carácter retroactivo, tampouco o poden ter outras decisións. No caso de Junqueras e de Puigdemont, teñen inmunidade para o exercicio do seu cargo, pero non antes nin despois. Se fose doutro xeito, un pódese dedicar a asaltar bancos ou matar e despois preséntase ás eleccións e xa está: libre, con recoñecemento público e, por encima, pasando á historia como un señor que condiciona a formación dun goberno. Ese debería ser o límite para a decisión da Avogacía do Estado e para os que, polo visto, seguen negociando en secreto. Se non é así, non lle estarán facendo ningún favor ao estado de dereito.

E dito iso, benquerido Valiñas, e a pesar de todo, Bo Nadal para todos. Agardo que hoxe non nos amarguen a Noiteboa e o discurso do Rei.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia