CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Os Almorzos: Anxo Puga, presidente da Asociación de Veciños de Angrois

24/07/2014 - 09:28 h

Os Almorzos: Anxo Puga, presidente da Asociación de Veciños de Angrois.

O presidente da Asociación de Veciños de Angrois xustificaba na Radio Galega a ausencia dos veciños na cerimonia de entrega das Medallas de Ouro de Galicia. 

Na entrevista dos "Almorzos de Galicia por diante", Anxo Puga explicou que non acoden ao acto por respecto ás vítimas. Puga di que, dado que entre as asociacións de afectados existe unha división e que unha delas non recollerá a Medalla, decidiron manter unha postura de neutralidade e non acudir ao acto.

O presidente da Asociación de Veciños de Angrois salientou que

"foi un tema delicado, remitimos ao presidente da Xunta unha carta, en ton educado. Se estamos con alguén, estamos coas vítimas, non cunha plataforma fóra e outra dentro. Nós pedimos que fose outro día para que non nos puxesen entre a espada e a parede"

Puga explicou que aínda non acordaron coa Xunta a data na que o Goberno galego lles entregará a Medalla de Ouro de Galicia aos veciños. Explicou que o 24 de xullo, primeiro aniversario da traxedia, será "un día moi duro" e salientou que aquela xornada foi "o pau máis duro da miña vida. Ningunha persoa pensa que pode pasar isto ó pé da súa casa". 

O presidente da Asociación de Veciños de Angrois reclamou máis medidas de seguridade. Afirmou que

"nós non queremos meternos no político, pero si queremos que haxa seguridade. Non pode volver subir un vagón a unha praza cando había tres semanas estabamos de festa alí nese sitio. A seguridade ten que estar por riba de todo e tense que saber a verdade, que se esclareza o que aconteceu e que se tomen medidas"

Anxo Puga recoñeceu a solidariedade que houbo.

"Creo que ese día o que se viu foi o valor humano das persoas, que estaba por riba de todo. Creo que calquera persoa faría o que nós, en maior ou menor medida, pero faría ese traballo" e recoñece que " foi unha cadea, que nós fomos os primeiros, pero que se completou con moita xente. Penso que fixeron un bo labor".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí