CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Torra, en rebeldía

24/01/2020 - 07:38 h

Con toda brevidade, que tampouco lle hai que botar moita literatura ao asunto. O que fixo o Tribunal Supremo foi evitar un conflito institucional coa Xunta Electoral. O que vén a dicir é que a decisión desa Xunta é unha sentenza e, como sentenza que é, hai que cumprila. Polo menos, ata que o Supremo, como derradeira instancia de apelación, dite sentenza firme. Esa é a legalidade e non hai nada que discutir. Oficialmente, Torra deixa de ser deputado. A única discusión é se deixa tamén de ser presidente da Generalitat, porque o que di o Estatuto de Autonomía é que debe selo no momento de ser nomeado. Tan legal sería que se manteña na presidencia como que a teña que deixar.

Escenario segundo: Torra ponse en actitude de rebeldía e di que non acata. Díxoo así: “O aval do Supremo non cambia nada”. Non digo a palabra rebeldía no sentido que ten no Código Penal, que sería moito máis discutible, senón no sentido que entendemos todos: desobediencia suprema, enroque, ou esa frase que dicimos tanto en Galicia e que eu cito algunhas veces: “Aquí quen manda é Roque, e Roque son eu”.

Como Torra se ve a si mesmo como presidente dunha república, entende que as institucións deben funcionar como se fosen dunha república independente: só o pode cesar o Parlamento nunha moción de censura, e un poder estranxeiro, como é o Tribunal Supremo de España, non ten nada que dicir nin nada que decidir. É un pouco de tolos, pero así pensa o señor Torra. Ademais, el entende que primeiro é a democracia e despois a lei. El representa a democracia. A lei tampouco ten nada que dicir.

Como se sae disto? O corpo de letrados do Parlamento catalán decidirá hoxe. Pero ese corpo de letrados, que demostrou que é moi profesional, nunca foi atendido nos seus informes. Diga o que diga, vai impoñerse a vontade de Torra, que empeza a funcionar como un sátrapa, pero polo de agora sen aplicar a tortura, sen mandar deter os discrepantes. Torra seguirá na rebeldía. Antes rebelde que derrotado pola Xunta Electoral ou polo Supremo.

E a última consideración é qué fará agora Pedro Sánchez; se mantén a conversa que ten prevista, e tamén en Barcelona, con este señor. O meu criterio: non se poder xuntar con el. Non se pode xuntar cunha persoa que desacata ao Supremo. Pero de Sánchez tampouco se pode supoñer nada por adiantado. Onte preguntáronlle por iso, e veu dicir que está farto de que sempre se lle faga a mesma pregunta. Outra lea, benquerido Valiñas. Torra acaba de poñer un explosivo na liña de flotación da mesa de negociación do PSOE e de Esquerra. E Sánchez, tamén sometido á proba da súa coherencia.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia