CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Avogacía e investidura

23/12/2019 - 07:40 h

Ou sexa, que me queres facer pasar da emoción da lotaría á realidade do país, sen transición polo medio. Pois aló imos. Se o tema é o informe da Avogacía do Estado, que se pode facer público hoxe mesmo, teño tres cousas básicas que dicir.

A primeira é que se a condición de Esquerra para investir a Sánchez non é máis ca que o informe se limite a aceptar o que dixo a sentenza da xustiza europea, non hai problema. A sentenza dixo de Junqueras que o Tribunal Supremo tiña que pedir o suplicatorio ao Parlamento Europeo despois de solicitar a interrupción temporal de inmunidade, e para iso non ten que haber problema. Dixo a vicepresidenta Calvo que a sentenza hai que cumprila e cúmprese. A Avogacía do Estado non ten máis remedio que aceptala, acéptaa cos razoamentos xurídicos que lles pareza oportunos, e asunto resolto. Ninguén se pode escandalizar de que esa Avogacía acepte todos os termos dunha sentenza, sexa europea ou sexa española. Máis doado non se pode poñer. Ponse tan doado, que eu cheguei a pensar que todo isto non era máis ca unha representación teatral.

A segunda reflexión é que, ao mellor, Esquerra ten outra lectura da sentenza. No congreso do partido que se acaba de celebrar falouse doutras cousas. Evidentemente, da autodeterminación e de que acabe o período de represión e que empece o período da política. E aínda máis, de que a Avogacía pida a nulidade do xuízo e de que todos os presos queden en liberdade. Iso non o pode asumir a Avogacía do Estado, despois de cualificar o delito como de sedición e despois de que a sentenza non diga unha palabra sobre iso. Se Esquerra quere a autodeterminación ou o ceo neste mundo, que o leve á mesa de diálogo que se creará despois da investidura, cando xa haxa goberno.

E a terceira reflexión é para o señor Sánchez: Esquerra non é un partido que pida unha cousa, concédeselle e acabouse o problema. Esquerra é unha forza política que medra na reivindicación permanente ata chegar ao obxectivo final, que é a independencia. Se agora está nesta fase reivindicativa, non quero pensar no que fará cando se necesiten os seus votos para os orzamentos ou calquera outra lei. Vai vivir Pedro Sánchez baixo esa presión permanente e asfixiante? Terá que ceder cada vez que necesite os votos de Esquerra? Pois así se presenta o futuro da maioría artificial que se vai facer para a investidura. Mala perspectiva, benquerido Valiñas. Moi mala.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia