CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fabiola García, conselleira de Política Social: "Máis dun 80% das residencias están xa na nova normalidade"

23/06/2020 - 08:11 h

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegura que a maioría das residencias de maiores galegas xa se atopan na etapa III do plan de reactivación establecido pola Xunta, o que supón que os residentes poden recibir visitas dos seus familiares.

Nunha entrevista no Galicia por diante, García afirmaba que "máis dun 80% das residencias están xa nesa nova normalidade". "Parece incrible, mirando cara atrás, como foi evolucionando a pandemia: pasamos de ter case 1.000 casos activos en residencias a ter catro, a día de hoxe".
Porén, García lembra que "isto non significa que teñamos que baixar a garda. Mentres non haxa unha vacina, hai que seguir sendo prudentes". "Por iso pídolle ós familiares que vaian visitar aos maiores que manteñan as medidas de hixiene e distanciamento".

A conselleira de Política Social salientou que "os servizos sociais, os profesionais de residencias e do servizo de axuda no fogar actuaron de forma exemplar. E o 99% das residencias de Galicia deron un trato excelente aos seus maiores". Aínda que recoñece que "esta crise nos permitiu abrir esta interesante reflexión sobre o modelo de residencias sobre o que nos tocará seguir avanzando nos próximos meses".

En relación aos centros de día, García explica que "puxemos o 1 de setembro coma horizonte de cara á súa apertura, para que vaian abrindo paulatinamente. Queremos que rematen a formación que lles estamos impartindo dende a Xunta e conten cos equipos de protección necesarios. Tamén que dispoñan de protocolos e os adapten a cada centro. Ese protocolo ten que ser supervisado pola consellería de Sanidade e nese momento a de Política Social dará o visto bo para a súa apertura".
Sobre o grupo de traballo coas Comunidades Autónomas que puxo sobre a mesa o Goberno central, para abordar a xestión das residencias, a conselleira critica que "o único que sabemos é o que se nos dixo nese consello territorial. Pero a día de hoxe non temos ningún outro tipo de información. O que si sabemos é que Galicia xa conta cun protocolo para calquera posible caso de rebrote tanto en calquera lugar de Galicia coma nas residencias de maiores".

Nese sentido, García asegura que "a Xunta enviou continuamente tódolos datos que se lle esixiron dende o ministerio ou a Fiscalía. Porque sempre fomos moi transparentes con tódolos casos que estaban activos nas residencias, tanto de traballadores como de residentes, e moi áxiles. A Xunta dispón duns grandes profesionais de servizos sociais, dun grande equipo de inspección que supervisa estes espazos". E anunciou que "este ano imos incrementar substancialmente tódalas inspeccións que se fan nas residencias de maiores".

Ingreso mínimo vital e RISGA

Finalmente, sobre a compatibilidade do novo Ingreso Mínimo Vital e a Renda de inclusión social de Galicia (RISGA), a conselleira lamenta "que non temos máis información, pero dende Galicia traballamos en todo momento en total colaboración co Goberno central, porque queremos que estas axudas cheguen ás persoas que máis o necesitan. Así que brindámonos a ofrecer toda a colaboración que sexa necesaria. Descoñecemos nestes momentos cal vai ser ese mecanismo de transvase de información entre Xunta e Goberno central".

Ademais, García lembra que "mantemos a esixencia ou a solicitude de que Galicia é perfectamente capaz de xestionar o Ingreso Mínimo Vital, ao igual que lla concedeu ao País Vasco. Temos máis de 39 anos de experiencia xestionando rendas básicas, e polo tanto Galicia pode xestionalo perfectamente, para que chegue o antes posible ás persoas que o precisan".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia