CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Reforma do Código Penal

23/01/2020 - 07:37 h

Para ter todas as perspectivas do cambio do Código Penal, debo empezar polo principio: como se trata de coar ese cambio na opinión pública. Primeiro foi Pedro Sánchez, que ensinou a puntiña na entrevista que lle fixeron en Televisión Española. Dixo algo, pero foi tan escuro que ningún dos observadores nos decatamos de que ía. O señor presidente ou non se atreveu ou non quixo que esa fose a mensaxe que quería transmitir esa noite. O día seguinte, a voceira do Goberno xa dixo máis e descorreu o pano: a reforma ten unha das súas bases nos acontecementos que ocorreron en Cataluña. Pero tampouco pasou de aí. A ese comportamento informativo chámaselle andar con pés de chumbo. Ou pisando ovos.

Se o Goberno ten medo a lanzar a idea, ten razóns para telo. Non houbo máis que ver como reaccionaron o PP e Ciudadanos, que tardaron o voo dunha mosca en saír a dicir que isto é un indulto oculto. Despois apareceron os xornais que non se distinguen pola súa simpatía á coalición do PSOE e Podemos e dixeron cousas coma estas: que era unha amnistía pola porta de atrás, que era un indulto encuberto a Junqueras, ou que é unha reforma para rehabilitar a Junqueras.

Conclusión primeira: a oposición, tanto política coma mediática, vai ser moi forte. Aparecido este asunto na axenda política, podémonos esquecer do pin parental e doutras historias, porque este vai encher ríos de tinta e millóns de horas de faladoiros. O novo Goberno pode aprender a cantar aquela que di: “Casa, miña filla, casa; que unha perna tapa a outra”.

No que se refire ao contido, nada se pode dicir. Hai cousas que están anunciadas, como o endurecemento das penas aos delitos sexuais ou ambientais. Pero o misterio está en que se fai co delito de rebelión ou co delito de sedición. Parece que niso xa estamos en que unha perna tapa a outra e a perna da rebelión, con penas que se endurecerán, vai tapar a da sedición, que parece que se rebaixará. E o miolo: isto faise como unha parte dos acordos con Esquerra, unha especie de pago por adiantado, ou faise por acomodar a nosa lexislación á lexislación europea? Esa vai ser a lea.

Se é pola lexislación europea, síntoo moito, pero o Goberno equivocouse na estratexia. Tiña que empezar por unha didáctica de crear necesidade da reforma para que os tribunais de Europa non dos dean máis patadas na parte que máis doe. Intentouno Pablo Iglesias, pero parecía dicir outra cousa, porque en Pablo Iglesias todo soa a outra cousa. Agora xa non hai remedio: guerra aberta entre a dereita e a coalición de Goberno.

E a miña opinión? Como son de Lugo, estou a velas vir. Se isto serve para resolver o conflito catalán, benquerido Valiñas, adiante cos farois. A min que máis me dá que Junqueras estea trece anos no cárcere ou que só lle queden uns meses.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia