CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ciudadanos, as fugas

22/11/2019 - 07:40 h

A fuga de Villegas e de Fernando de Páramo de Ciudadanos non é coma as outras que a precederon. As outras foron de xente que estaba en desacordo coa liña que comezou a seguir Albert Rivera. Sobre todo, por dereitizarse, porque gran parte dos fuxidos eran máis socialdemócratas que liberais. E foron o anticipo da desfeita electoral do 10 de novembro, o que lle fixo pasar ao partido dos 57 deputados a 10. Percibiron que Ciudadanos abandonaba o centro político e fixo un cinto sanitario á volta de Pedro Sánchez. Esas fugas foron demoledoras e espantaron a moitos votantes. Sorprendentemente, non foron para o PSOE, senón para o PP e Vox.

As baixas de Villegas e De Páramo parecen de segundo nivel, a pesar dos cargos que tiñan no partido. E teñen pinta de que se van cinco minutos antes, ben, tres meses antes de que Arrimadas, que vai suceder a Rivera, faga o seu equipo de confianza no congreso que o partido ten que celebrar. Non pertencen ao grupo Arrimadas, e así a vindeira líder queda coas mans máis libres, por non dicir máis soltas, para facer unha executiva á súa imaxe e semellanza.

De todos os xeitos, ese partido enfróntase á reconstrución. O primeiro que ten que facer é unha boa análise de por que caeu nas eleccións. E non lle vale con atribuírllo todo a un problema de comunicación, como onte lle escoitei nun almorzo privado a unha das súas dirixentes. Ao meu xuízo, fallou o discurso de Rivera, que era unha das súas mellores calidades. Perdeu encanto e louzanía, non sei se por falta de preparación, porque Rivera andaba en amores novos ou por esgotamento e queima da súa doutrina. E, por riba de todo, porque os votantes de Ciudadanos chegaron ás eleccións sen saber exactamente por que tiñan que votalo nin que votaban. Non sabían se era para dar o sorpasso ao Partido Popular ou para fortalecer o centro político. E, se un votante non sabe para que serve o seu voto, opta por quedar na casa. Iso foi especialmente visible en Cataluña, porque Ciudadanos non soubo, non quixo ou non puido aproveitar que era o partido máis votado. E eu aínda non escoitei unha explicación convincente nas conversas que tiven con eles.

Esa é, máis ou menos, a historia e o intento de explicación dun fracaso. Arrimadas non o ten doado. O que ten é moitas ganas, que xa é algo, pero non o é todo. Agora o inmediato é decidir que fai na investidura de Sánchez e que acorda ou en que discrepa na vindeira xuntanza con Carmen Calvo. Vai dicir que non a un goberno do PSOE e Podemos, e menos aínda se é apoiado polos independentistas de Esquerra. Pero temo que sufra unha maldición: faga o que faga, benquerido Valiñas, sempre se equivocará. E é que os ventos non corren ao seu favor.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia