CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cesáreo Pardal, presidente do Clúster do Turismo de Galicia: "Pouco a pouco vaise recuperando a confianza no sector"

22/06/2020 - 08:14 h

O presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, asegura na Radio Galega que a campaña turística vai collendo forza. Cesaron as cancelacións e, dende hai 15 días, aumentan as novas reservas, pero non o nivel de anos pasados.

"Xa vemos turistas que están entrando nos hoteis que abriron a semana pasada. Pensamos que a campaña se pode recuperar, pero, de momento, ese número de reservas non chega, por suposto, ás cifras que do ano pasado"

"Pouco a pouco vaise recuperando esa confianza. Temos que dicirlles aos turistas que queiran vir a Galicia que aquí se están implementando todos os protocolos hixiénico-sanitarios que se consensuaron coa Administración e que se implantan nos nosos establecementos, e, desde logo, o principal obxectivo nestes momentos é recuperar a a confianza do cliente".

O obxectivo agora é equilibrar gastos e ingresos. "Se somos capaces de equilibrar eses números, sería unha moi boa campaña para o sector turístico".

Coincidindo coa negociación entre Goberno e axentes sociais sobre a prórroga dos ERTE,Cesáreo Pardal pediu que se aclare a situación canto antes. Afirmou que os empresarios turísticos viven con incerteza e salientou que coas reservas actuais non poden contratar todos os traballadores. 

"Tratamos de que o Goberno nos diga, dunha vez por todas, que vai a pasar con esos milleiros de traballadores que están agora nun ERTE. Non somos capaces de incorporar os nosos traballadores aos postos de traballo, posto que non hai aínda o número de turistas necesarios para a contratación destos traballadores e, desde logo, é algo que preocupa, é algo que pode levar á ruína moitas empresas turisticas galegas".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia