CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Os 200 millóns

22/01/2020 - 07:37 h

Para comentar esta decisión do Goberno central, teño que facer por adiantado dúas cousas. Unha, pedir perdón a todos os oíntes, porque non me manexo nada ben nestas cuestións de diñeiro e financiamento. A segunda, advertir de que non estou seguro de ser minimamente obxectivo, porque, cando che negan 200 millóns de euros que a Facenda central cobrou e son teus, a tentación leva a saír pola rúa berrando aquilo de “a polo ladrón! a polo ladrón!”.

Vou ver se me calmo, que podo acabar no caldeiro. Ao meu entender, que é o entender dun labrego que traballa de xornalista, o Goberno central, ao longo do ano 2017, recadou o IVE en Galicia e en todas as comunidades autónomas. De Galicia son 200 millóns que non se esfumaron, nin están nunha conta en Suíza nin se perderon entre os efluvios dunha lupanda nunha festa gastronómica. Deben estar no Banco de España ou onde a Facenda do Estado garde os cartos.

Segundo explicou moi ben a señora ministra, que fala claro e fala alto, a devolución deses 200 millóns tíñase que ter feito nos dous anos seguintes ao de recadación; é dicir, ata o 31 de decembro do 2019, hai vinte e dous días. Pero aí aparece a interpretación que cun eufemismo debemos chamar legalista, e por arte de maxia legal, disfrazada de rexeitamento dos orzamentos do ano pasado, 'tararín que te vin': a Facenda do Estado queda coa recadación do IVE, e as autonomías a reclamaren ao mestre armeiro. E agora a carallada é a seguinte: opoñerse aos orzamentos do ano pasado non foi derrotar a Sánchez; foi forzar a que Sánchez non nos devolva o que se cobrou e non se perdeu nunha lupanda. E soa a algo peor que non quero dicir: soa a vinganza por rexeitar os orzamentos da señora Montero. Xa sei que a ministra Montero non é vingativa, señor xuíz, xa o sei, pero non me negue, señoría, que a vostede tamén lle soa así. E se a esa cantidade lle engadimos os 170 gañados por cumprir o déficit, xa estamos en 370 millóns.

Como quen gobernaba España no 2019 era Pedro Sánchez, o mesmo ten a ocorrencia de poñer eses cartos na súa conta e dicirlle á Comisión Europea: miren que ben traballamos, miren como melloramos a recadación.

Eu supoño que todo iso ten apoiatura legal, faltaría máis. O Goberno non pode cometer ilegalidades. Pero cheira. Ao mellor parezo un voceiro da Xunta, pero ten razón Feijóo, que é o primeiro estafado: cos cartos dos galegos págase a suba das pensións. E hai algo tamén evidente: os regulamentos poderán dicir o que queiran, pero o que se debe, págase; e, se non se paga, hai que ir aos tribunais. Quen gobernaba no 19, insisto, Valiñas, era Pedro Sánchez. Así que, señor Sánchez, menos sorrisos no televisor e cumpra con nós. Cumpra como se fósemos cataláns.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia