CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Antón Acevedo, preventivista no CHUAC: "É posible un rebrote, pero descoñecemos a magnitude"

22/05/2020 - 10:08 h

Galicia está preparada para afrontar un eventual rebrote do coronavirus, segundo Antón Acevedo, especialista en Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario da Coruña.

"O sistema está preparado, pero hai que evitar ese rebrote".

Galicia fixo un esforzo importante no confinamento. Segundo os estudos, os galegos tiveron un comportamento excepcional que colocan a comunidade entre as que máis cumpriron as normas durante dous meses. Feito ese esforzo, hai que ser moi prudentes á hora de retomar a vida normal, porque o virus segue aí, segundo nos lembra o doutor Antón Acevedo:

"Non podemos pensar que o virus desapareceu ou que a epidemia se difuminou".

Para este experto, os futuros rebrotes estarán, con toda probabilidade, máis localizados, nuclearizados arredor de determinadas zonas, como está ocorrendo en países como A China ou Corea.

Acevedo explica que, en caso de reactivación, Galicia está preparada para detectar os casos e rastrexar os seus contactos: "A Consellería de Sanidade montou un sistema de rastrexadores, que son esas persoas encargadas de detectar todos os contactos dos novos positivos, e os hospitais temos montados uns sistemas de toma de mostras para os pacientes sospeitosos que, en menos de 24 horas, dan o resultado dese paciente, que é o importante neste caso, a rapidez".

O doutor do CHUAC considera o uso da máscara unha medida a maiores, que non debe suplir a distancia de seguridade.

Asegura que "cantas menos oportunidades lle deamos ao virus de transmitirse persoa a persoa, máis pasos daremos cara á normalización".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia