CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alcoa, San Cibrao

21/03/2019 - 08:03 h

Hai polo menos tres detalles que non acabo de entender ben nesta historia última de Alcoa. O primeiro é deses que un xa non sabe se o soñou ou foi verdade, pero eu xuraría que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, se presentou hai pouco en Galicia como o salvador da empresa. Polo que imos vendo, se de verdade o dixo, debe quedar como unha das grandes novas falsas, por moito que estivese na boca do presidente.

O segundo é que a Xunta de Galicia, por medio do conselleiro Conde e co apoio de todo o Consello, fixo unhas propostas concretas para salvar polo menos a planta de San Cibrao, e o Goberno central non fixo caso e fala dunhas axudas que non fan retirar a ameaza de peche da factoría. Ao revés: atizan ese peche, co cal a alarma na Mariña é evidente o pon os nervios a flor de pel. Trátase da supervivencia.

E o terceiro que non acabo de entender é por que non se planta cara á demanda de rebaixa do prezo da electricidade nas empresas que dependen del. E aquí teñen que falar os datos. O prezo da luz industrial en España é de 60 euros por megawatt/hora. En Francia, de 50. En Alemaña, de 42. E en Noruega, de 30 euros. Esas son as diferenzas entre países veciños. A min non me gusta a política de subvencións nin de presos políticos, pero o mercado é o mercado e réxese polas normas da competencia. Se o prezo da luz non deixa competir unha empresa galega ou española, déixaa condenada ao fracaso. E outro dato que se difundiu estes días, creo que tamén de Francisco Conde: en España hai 153 empresas das chamadas "electrointensivas". Delas dependen 150.000 traballadores, que poden ser 150.000 familias. Está en risco unha boa parte do tecido industrial do país. E en Galicia, algunha tan emblemática como Ferroatlántica, que xa está sometida a un ERE.

Señores, a situación é grave. Outros 661 empregados están baixo a espada de Damocles do peche. Ante esa espada, escoitamos á ministra do ramo que participa do optimismo do presidente e ve nos seus soños a chegada dun investidor con garantías no mes de xuño e salvar incluso as plantas da Coruña ede Avilés. Non son quen para desmentila. Gustaríame moito confiar nela e que fose verdade. Pero, cos prezos vixentes da enerxía e coa pequena rebaixa que propón o Goberno central, non acabo de ver como o que non é rendible para Alcoa o poida ser para outro investidor. Conclusión: ante a falta de credibilidade de Madrid, imponse a loita. Da xente de Alcoa. Da solidariedade galega e da Xunta. Non pode ser que haxa cartos para os venres electorais e non os haxa para manter o tecido industrial. Digo eu.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia