CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Áspero control

21/02/2019 - 08:08 h

Hai persoas que son como o can de Páulov. Xa sabes: o can ao que lle falabas de comida, só lle falabas, e movíanselle os zumes gástricos. A min pásame. Disme “filloa de sangue”, das de sempre na aldea, das que en Mosteiro fan Maruxa e Rosa María, e os zumes gástricos póñenseme a cen. Oio a palabra “calor”, e póñome a suar. Pois aos políticos pásalles algo parecido. Escoitan falar de eleccións e erotízanse, excítanse. Hai casos incluso en que chegan a perder a razón buscando votos á desesperada, entre zumes gástricos desatados. Por iso, cando se leva unha temporada electoral moi longa, parece que todos se volveron un pouco tolos e as enquisas empezan a anotar o descrédito da mal chamada clase política. Pero, cando as eleccións son convocadas, lánzanse uns contra outros, desfán acordos que tiñan e lánzanse a non perder un voto que pase por alí.

Así que o que pasou onte no Congreso lembra bastante ao can de Páulov. Como era a primeira sesión de control despois de anunciadas as urnas e a penúltima antes da disolución das Cortes, aló foron todos en confuso control. Chamáronse de todo, dende chaqueteiro a mentireiro. Os da oposición sacáronlle a Sánchez o cambio de colchón, primeira decisión que tomou ao chegar á Moncloa. E a min o que me sorprendeu máis foron os sorrisos. Pablo Casado sorría como se fose o gañador. Pedro Sánchez vai de sobrado. Parece que mira o resto dos deputados e os ve como derrotados de antemán. Nunca o vin con tanta seguridade. Iso si: deixou sen contestar o que a min máis me interesou: se era certo o que lle preguntou Irene Montero, que hai unha orde secreta aos ministerios de que gasten só a metade do presuposto.

A min estas leas non me divirten moito, porque me parecen de baixa estofa, pero tampouco me alarman. Son quenturas dun día. Son uns minutos, tampouco moitos, para poñer a parir o presidente do Goberno, e o presidente do Goberno aproveita parapoñer a parir a oposición. Despois, ao mellor, acaban tomando un café. O que me preocupa é que o de onte sexa un ensaio dun estilo de campaña, que pode ser. Sánchez provocou tantas iras, e a el dixéronlle tantos insultos nos últimos días, que hai ganas de vinganza. Os políticos tenden a dramatizalo todo cando están en celo. E agora andan en celo. Imos ter unha campaña crispada e dura coma poucas. Pero agardo que no medio dos insultos acaben propoñendo algo para gobernar este país. Ás veces pasa.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia