CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Jesús Vázquez Almuíña: "Imos facer que a sala de partos recupere a súa actividade"

21/01/2020 - 08:04 h

Sanidade prevé formalizar ao longo desta semana os contratos dos dous novos pediatras de Verín, que permitirán reabrir a sala de partos do hospital comarcal despois de case dous meses de peche.

Ademais, a Consellería de Sanidade elaborará un novo protocolo de actuación para mellorar a atención integral da nai e do meniño nada máis nacer. Explicábao no 'Galicia por diante' o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña: "A directora do distrito de Verín dinos que ten apalabrado con persoas para poder traballar; e cun protocolo adecuado de procedementos, nós imos facer que  a sala de partos recupere a súa actividade con pediatras e con protocolos que cumpran as expectativas".

A contratación dos pediatras de Verín aparecía onte publicada no Diario Oficial de Galicia. Hoxe publícase a licitación do proxecto para o novo servizo de urxencias deste hospital comarcal. Ademais, desde febreiro, o Complexo Hospitalario de Ourense disporá do servizo de hemodinámica as 24 horas do día os 365 días do ano.

"Con isto consolidamos xa un dos mellores sistemas de atención ao infarto agudo de miocardio, con cinco salas abertas as 24 horas en todo o territorio galego. Iso dará un tempo de atención moi rápido e vai mellorar os datos que temos, cunha mortalidade das máis baixas de España, por baixo do 5 por cento que marca a Sociedade Española de Cardioloxía". 

A medida evitará que arredor dun cento de pacientes teñan que ser trasladados a Vigo e liberarán ambulancias para dedicalas a outras urxencias.

Na entrevista, o conselleiro de Sanidade explicou que xa tivo un primeiro contacto telefónico co novo ministro de Sanidade. Destacou o "talante conciliador" de Manuel Castells e anunciou que en breve pedirá unha cita para trasladarlle dúas das principais demandas de Galicia en materia sanitaria: o déficit de especialistas e a difícil cobertura nos hospitais máis pequenos. Neste senso, Almuíña recalca que "o déficit de profesionais é unha das prioridades máis importantes e esperamos que o novo ministro o encare de forma decisiva". Ademais, pediralle que elimine a actual taxa de reposición que impide sacar máis prazas a concurso.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí