CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

PIN parental

20/01/2020 - 07:38 h

A primeira vez que escoitei falar do pin parental pensei que era unha especie de insignia que Vox quería que os pais puxésemos na solapa e que iso nos daba algún dereito, por exemplo, para falar cos profesores. Non podía pensar nin de coña que ese pin ía acabar no que estamos vendo e oíndo estes días: unha ministra, naturalmente a de Ensino, que di que os meus fillos non me pertencen, e o líder da oposición que lle replica "os meus fillos son meus e non do Estado".

É o que pasa cos debates sociais: empezan con unha cuestión que afecta a todos e acaban nun goberno que promete levar a outro rexional aos tribunais e, dexenerando, dexenerando coma aquel toureiro que chegou a gobernador civil, cuestionando de quen son os fillos. Con isto si que eu non contaba. Cando acabei de saber de que ía o conto, parce que vai de isto: o pin parental permite que os pais prohiban aos seus fillos facer atividades complementarias, pero impartidas na xornada escolar e programadas polos colexios.

Acudín á Constitución ver se é inconstitucional, como argumenta a señora Celáa, e certamente pode selo, porque dí así: “O ensino terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana”. Pero seguín lendo e tamén di: “Os poderes públicos garantirán os dereitos dos pais para que os seus fillos reciban formación de acordo coas súas propias conviccións”. É dicir, que hai razón polas dúas bandas.

Sen entrar na Constitución, penso que os pais teñen dereito a vetar os talleres ou clases que se fan fóra do horario escolar, pero non os que se fan dentro de ese horario e foron aprobados polo claustro, polo Consello Escolar e supervisados pola Inspección. Se Vox está nesta última posición, e leva o Goberno de Murcia a ese suposto dereito, ao xulgado con eles. Se non, penso que pode gañar nos tribunais.

En calquera caso, imos ter discusión para moito tempo, e discusión apaixonada. O peor é a versión política de todo isto. O outro día vin na tele a promotora da lea en Murcia e estaba feliz: veu dicir que, dada a repercusión política do caso e a reacción da “jauría informativa” (así o dixo, "jauría informativa"), estaba claro que acertaran. Colléronlle a dianteira ao Partido Popular, e Pablo Casado e o resto da dirección van ao seu remolque. E escoitamos as ministras do Goberno, e atopáronse cun regalo de Reis atrasado: Isabel Celaá e Irene Montero loitarán por ver cal das dúas é máis contraria ao pin parental, pero o debate dálle moita cohesión á coalición de PSOE e Podemos. Xa teñen un inemigo común. Xa poden demostrar o moito en que coinciden. Como se sabe, darlle unha baza a Vox é unha técnica electoral: lóitase muito mellor, benquerido Valiñas, contra a dereita extrema que contra a dereita tradicional.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia