CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Clásico, 0-0

19/12/2019 - 07:41 h

O partido acabou 0-0 en todo: en goles e en leas. Se o señor Torra usa a palabra 'apreteu', a verdade é que o Real Madrid apertou máis, pero non conseguiu marcar. Os que se chaman Tsunami Democrático prometían apertar moito, pero tampouco marcaron. Xuntar 5.000 persoas con ganas de lea no percorrido dos equipos ata o Camp Nou era o mínimo que se podía agardar, así que houbo o mínimo de persoas que podía haber. Os revoltosos non poden presumir de moito éxito.

Agora ben, os violentos son violentos de verdade. As pedras que lles lanzaron aos Mossos eran grandes e vistosas. Cando se lanzan é porque se teñen ganas de producir moito dano. Incluso de matar. Esa imaxe dos que asaltan un furgón policial, conségueno abrir e rouban material como porras, indica unha ousadía que non se vira dende as noites de lume de Barcelona. No estadio, os berros iniciais de independencia pertencen a un ritual esperable e repetible. Os cercos aos xornalistas de medios nacionais forma parte tamén do que empeza a ser unha tradición. Os que sosteñen a TV3, exemplo de adoutrinamento e manipulación da realidade, son os que lle chaman á prensa española “manipuladora”. Nada que non se puidese agardar.

Pasado o que pasou, que non foi moito, eu teño tres reflexións. A primeira é que non quero facerme ilusións, pero a presión na rúa baixa. Miren que se fixo propaganda da protesta. Miren que se creou un clima de expectación e suspense. Miren que parecía que non acudir era ser un ‘botifler’. Pero o resultado non respondeu ás expectativas nin aos medos.

A segunda, a papel do señor Torra. Onte á mañá, a voceira de Ciudadanos no Parlamento de Cataluña preguntoulle se ía ir ao partido como afeccionado ou como membro do Tsunami. E Torra xustificou as protestas, porque as condenas aos presos foran moi altas e graves. Defendeu as protestas sen ningún matiz, nin sequera o máis doado de dicir: que agardaba que fosen pacíficas e non violentas. Nada. Este tipo parece que está desexando que haxa unha revolta. Teñen razón os que din que en Cataluña xa non hai unha autoridade disposta a garantir a orde nin o cumprimento da lei.

E a terceira é asombrarse de como o Barça permite que o estadio se converta nun escenario de propaganda independentista, cheo de pancartas e con unha escenografía claramente independentista tamén. Iso hai que revisalo. Un partido de fútbol non é un mitin. E algúns, benquerido Valiñas, queren que o sexa.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia