CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O sector pesqueiro recoñece o labor de Xusto L. Carril, 2º finalista nos premios de Cepesca: "O programa 'Mar de Ardora' é un exemplo de divulgación nos medios públicos"

18/02/2020 - 13:06 h

O programa da Radio Galega 'Mar de Ardora' é o segundo finalista da terceira edición dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español, convocados pola Confederación Española de Pesca (CEPESCA), que se entregaron este martes en Madrid, na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o labor dos medios de comunicación e dos profesionais da información na difusión e mellora do coñecemento da actividade do sector pesqueiro.

Presentado por Xusto López Carril, 'Mar de Ardora', que se emite os sábados de 07:00 a 08:00 h, é un programa centrado no mundo do mar, con bloques de noticias, reportaxes, entrevistas e relatos de historias humanas.

A finalista dos premios de CEPESCA é unha serie de tres programas emitidos arredor do 8 de marzo de 2019 dedicados a visibilizar o papel da muller na pesca e no marisqueo en Galicia e a lembrar a súa potencialidade no mundo do mar.

Para isto, 'Mar de Ardora' ofreceu un mosaico do traballo das mulleres no mar, falando con redeiras, mariscadoras, traballadoras de conserveiras, percebeiras, ouriceiras, peixeiras, directoras de empresas comercializadoras, armadoras, patroas maiores de confrarías, tituladas náutico-pesqueiras, biólogas e mulleres que ocupan cargos na Administración pesqueira. Os seus testemuños foron recollidos en Boiro, Corme, Camariñas, Vigo, Cambados, San Cibrao, Malpica e A Coruña.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí