CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Víctor Ledo, secretario de Industria de CCOO: "Se en Alemaña é posible a exención de taxas e impostos para as electrointensivas, aquí debería selo"

18/02/2020 - 08:05 h

Comisións Obreiras pide que o Goberno deixe as fábricas electrointensivas, como é o caso de Alcoa-San Cibrao, exentas de varias taxas e impostos. É o caso das peaxes de transporte e distribución da electricidade e tamén o imposto eléctrico.

O sindicato argumenta que legalmente é posible, aínda que o Goberno di que o impiden as normas da competencia.

"Ese argumento non serve. Está constatado que en Alemaña está posto enriba da mesa e non ten ningún problema o departamento da Competencia da Comisión Europea, co cal, se en Alemaña é posible, aquí debería selo. E dende logo ese argumento pensamos que non se sostén".

Víctor Ledo ve con bos ollos as alegacións que presentou a Xunta, pero afirma que a visita de onte do presidente, Alberto Núñez Feijoo, á planta de Alcoa-San Cibrao ten "tinturas electoralistas", e máis -di- cando "o papel da Xunta na defensa da industria en Galicia está en cuestión".

Comisións Obreiras tamén lles reclama responsabilidade ás direccións das empresas para que fagan os investimentos necesarios para facer rendible e sustentable o seu negocio, de forma que teña garantías de manter o emprego en caso de recibir axudas públicas, e nomea expresamente o caso de Alcoa.

"En Alcoa-San Cibrao, cremos que a dirección está traballando de maneira case de chantaxe cos traballadores, como fixo ultimamente na daquela Alcoa-A Coruña. Como tome algunha decisión dramática, pois evidentemente contestaremos rotundamente, principalmente contra a empresa e por suposto despois tamén mobilizándonos contra as administracións e as institucións, que son as que ao final teñen a responsabilidade de facer que as empresas non tomen esas decisións que acaban co emprego. Daremos unha contundente resposta como fixemos no seu momento en Alcoa-A Coruña".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí