CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Autonomías castigadas

17/12/2019 - 07:41 h

O que pasa coas contas de Andalucía e de Galicia, aínda que sexan casos moi diferentes, é que coinciden nun detalle. Ambas as dúas comunidades teñen gobernos do Partido Popular. E as dúas parecen castigadas polo Goberno socialista. Pero vaiamos por partes. O de Andalucía parece un pouco de risa, porque a ministra que ordena a supervisión do gasto e impón restricións, axustes e supervisión é a mesma persoa que foi conselleira de Economía e Facenda no Goberno andaluz ata que veu de ministra de Facenda para o Goberno central. É dicir, que se castiga a si mesma. Montero contra Montero. E o grave da situación é que se xulgan feitos e contas pasadas, o que fai que un Goberno novo pague as consecuencias do Goberno que o precedeu. De nada serve que o novo equipo teña un programa razoable, que faga unha política realista e que embride o gasto público. Antes non se fixo, e agora castígase a quen pon un pouco de orde nos orzamentos da comunidade.

Pero a política económica é así de ríxida e eu pediría que non se faga moita demagoxia, que algo de demagoxia está facendo o PP. Agardo que cando se coñezan as contas do ano 2019, que está a punto de acabar, o Goberno que ordena o control lle deixe máis man libre ao Goberno rexional.

O caso de Galicia é diferente. En Galicia, a Facenda do Estado négase a pagar douscentos millóns de IVE xa cobrado. E escúdase para esa negativa en que un goberno en funcións non pode facer ese pagamento. Co cal, se houbese repetición de eleccións e se tardase polo menos outro medio ano en ter un goberno firme, a Xunta tería que seguir agardando.

Isto non ten pés nin cabeza. Non se pode ter unha comunidade pendente deses cartos, dos que depende o ensino, a saúde e outros servizos por tempo indefinido, porque as necesidades están aí, e son necesidades dos cidadáns, non do señor Núñez Feijóo nin dos seus conselleiros. Os 200 millóns están cobrados, co cal están en algún sito, improdutivos e con pinta de ser unha veleidade política. Dispoñer deles é tan preciso como pagar os salarios dos funcionarios ou as viaxes de Sánchez no Falcon. Ten pinta de ser unha estratexia para limitar a eficacia da Xunta, privándoa de recursos, agora que veñen eleccións autonómicas no 2020.

Non diría isto se non houbese antecedentes. Pero hainos: na investidura precedente usouse o pagamento da débeda para presionar o PP para que se abstivese na investidura de Sánchez. Isto fai lembrar moito aquela chantaxe, benquerido Valiñas. Fai lembrala tanto, que parece a súa continuación ou unha nova versión.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia