CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Concellos, alcaldes e Sánchez

17/06/2019 - 08:07 h

O que pasou na negociación dos pactos nos concellos no conxunto de España foi que os resultados das eleccións non se corresponden coa repartición do poder municipal. As eleccións gañounas o PSOE cunha diferenza dun millón de votos sobre o PP, pero, salvo nas cidades de Galicia, os pactos déronlle ao PP moito máis poder ca ao PSOE. O PP pasou de gobernar concellos que sumaban 4,2 millóns de habitantes e dende esta fin de semana vai gobernar a sete millóns de habitantes. O PSOE gaña só sete centos mil habitantes. E o PP queda co goberno da cidade máis importante, que é Madrid. Cada concello é distinto, e ao mellor é inxusto obter este tipo de conclusións, pero é o primeiro quedeixa ver o novo mapa político local.

Houbo outro gañador, que foi Vox. Non obtén moito poder, e o que obtén é de segundo nivel. Pero converteuse en partido político decisivo, e decisivo nas cidades de máis de cen mil habitantes. Sen o seu voto, o novo poderío do PP non existiría.

O partido ao que máis prexudicou Abascal foi Ciudadanos, que se viu metido nunha trampa da que non sei como poderá saír. Por unha banda, tiña que sumarse ao bloque das dereitas se non quería que todo o poder fose para o PSOE e, pola outra, non podía sumarse ao bloque de dereitas se non quería contaminarse da ultradereita. Optou pola primeira, e agora sofre un cerco que vai dende o Presidente francés, Macron, a un dos fundadores do partido, que é Francesc de Carreras. Cando se nomeen os cargos de segundo nivel, por exemplo en Madrid, Ciudadanos non terá
doado xustificar a presenza deles nas xuntas de distrito, que mandan moito na estrutura local.

O panorama de futuro non está claro, porque tampouco está claro como se gobernan os concellos con tantos compromisos adquiridos nos acordos e a tantas bandas, pero ese é o prezo a pagar pola falta de maiorías absolutas. Vai ser un mandato de ensaio da nova realidade.

Pero o máis importante quizais pasen a ser as novas dificultades que Sánchez vai ter para a súa investidura. En Barcelona conseguía cabrear profundamente a Esquerra Republicana, á que lle estaba a pedir a abstención, e Esquerra estaba disposta a darlla. Pero a alianza do PSC con Ada Colau, precisamente para impedir que Barcelona sexa gobernada polo independentismo, é dicir, por Esquerra, complícalle as cousas a Sánchez. Non se pode soprar e sorber ao mesmo tempo, e Sánchez quixo soprar e sorber, e non é descartable que se afogase no empeño. Isto, querido Valiñas, é como as mantas na cama: se se tira moito da manta para un lado, destápase o outro lado. E iso é o que está a pasar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia