CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Conflitos de poder

16/01/2020 - 07:38 h

Pablo Iglesias contra os xuíces. O Consello do Poder Xudicial contra Pablo Iglesias. A oposición en pé de guerra por facer os consellos de ministros en martes. A ministra de Traballo, a nosa paisana Yolanda Díaz, contra a CEOE, á que acusa de facer pedagoxía coa economía somerxida. En tres días de goberno, tres conflitos. Sae a un por día, e iso que o gabinete de coalición progresista aínda non funciona en plenitude e aínda non pisou callos de intereses económicos. Ante nós, o temido: a lexislatura que Sánchez chamou de diálogo apunta maneiras de enfrontamento.

Algunhas son graves. Por exemplo, ese conflito de poderes entre o Executivo e o Xudicial con esa acusación de Pablo Iglesias de que os reveses do Supremo en Europa son una humillación do Estado. Coidado cos diagnósticos e mitin, señor Iglesias. Ahora é vostede vicepresidente do Goberno. E o que menos necesita este país neste intre é unha guerra institucional. Cando se adopta a postura que adoptou na entrevista con Vicente Vallés en Antena 3, ponse do lado dos sediciosos e dos que se fugaron da xustiza. Se a iso se engade que defende o referendo, demóstrase que tiña razón Pedro Sánchez cando pensaba como podía ser vicepresidente un home que fala de presos políticos e propugna a autodeterminación. Pois aí o ten o señor Sánchez. E teno sen bozo.

Eu non quero decir que a xustiza española sexa perfecta, nin moito menos. Aí temos o xuízo aos controladores aéreos, que se fai dez anos despois do plante que fixo declarar o estado de alarma. Aí temos o xuízo pola morte do alcalde de Polop, que tardou doce anos en celebrarse. Temos unha xustiza lenta, pero é unha xustiza garantista. Temos, polo tanto, un Estado de dereito que, con todos os defectos, funciona. Dicir, como dixo o señor Iglesias, que prexudica a imaxe de España e que humilla o Estado é un despropósito. Iso si que é danar o Estado. Os independentistas teñen que estar celebrando con cava esa declaración como un éxito interno. Xa teñen un vicepresidente do Goberno que pensa coma eles.

E como todo isto dise cando se pon en cuestión a nova fiscala xeral; cando se fala de asaltar o Consello do Poder Xudicial, que é o goberno dos xuíces, e cando se publica que tamén se prepara o asalto ao Tribunal Constitucional cando toque a renovación, acéndense todas as alarmas. Pensando só no conflicto catalán, é para que se acendan. As ideas básicas do independentismo xa teñen difusores e defensores no Goberno da nación. E, posto a desconfiar, do primeiro que desconfío é de Pedro Sánchez. Xa non sei qué é para el o diálogo. E moito menos sei, benquerido Valiñas, en que consistirá a consulta que Esquerra lle reclama para falar e que el anunciou e defendeu.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia