CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Andalucía, días de cambio

16/01/2019 - 08:07 h

Debo centrar o meu comentario en tres ou catro aspectos. O primeiro é o ambiente que rodea as novas destes días e de hoxe en concreto. Hai tanta expectación que todas as televisións de cobertura nacional fan dende Sevilla os seus telexornais. E o mesmo se pode dicir das radios. Isto non ten moitos precedentes, pero é que os medios consideran o ocorrido en Andalucía como un cambio histórico, e nas ocasións históricas hai que estar.

O segundo é o discurso de Moreno Bonilla. Foi un discurso deses que se chaman de guante branco, pero con picaduras de avespa, aínda que non de velutina. Abarcouno todo, case servizo por servizo da Junta, e para todos hai propósito de mellora. As boas intencións son comúns a todos os gobernantes que empezan. Quedo coa prioridade de crear emprego a coa vontade de gobernar e falar "sen cordóns sanitarios". É dicir, que conta con Vox, como non lle queda máis remedio, porque sen os votos de Vox non poderá aprobar moitas leis.

O terceiro é que, polo que estamos a ver, non o vai ter doado. Moreno é unha especie de árbitro entre Ciudadanos e Vox, aos que ten que compracer ao mesmo tempo, nesa posición centrista que desexa Feijóo, pero deixando claro que Vox está a súa dereita. E, como máis aló non hai nada, é a extrema dereita. Moreno arranca con moito parecido a un equilibrista. Pero nótaselle que ten man esquerda para tourear na terra dos toureiros.

E o cuarto é se lle deixarán os cen días de graza antes de facerlle oposición de combate. Pois, polo visto onte, parece que non. A manifestación de miles de mulleres arredor do Parlamento mentres el falaba é un exercicio dun dereito que ninguén pode discutir. Pero nos autobuses que recolleron as manifestantes polas oito provincias víase o logo do PSOE. Sábese que algunhas agrupacións locais dese partido fixeron propaganda da manifestación e puxeron medios para asistir. O mesmo PSOE propuxo mocións nun cento de concellos do resto de España. É dicir, que Susana Díaz, que xa vai polo mundo como a xefa da oposición, estaba detrás do enredo ou, polo menos, prestoulle toda a axuda que puido, coa desculpa de Vox e co argumento de que os dereitos da muller non se negocian. Tradución ao galego, querido Valiñas: nin cen días, nin cen horas. A Moreno ensínanlle os dentes incluso antes de empezar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia