CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A Radio Galega xa se pode escoitar en Alexa: "Temos que estar onde a xente escoita a radio, facerlle cómoda a vida"

15/01/2020 - 10:19 h

O director da área de Innovación da CRTVG, Xosé Pereira, explicou no 'Galicia por diante' como a Radio Galega xa se pode oír desde os dispositivos intelixentes Alexa:

  • "Temos que estar onde a xente escoita a radio, facerlle cómoda a vida"

Radio Galega xa conta coa súa destreza para altofalantes intelixentes e pode escoitarse desde todas as plataformas habituais de consumo, en que se inclúen estes dispositivos intelixentes. Os oíntes que activen esta ferramenta poderán acceder á emisora pública desde calquera dispositivo Alexa dispoñible.

A emisora pública galega engádelle á audiencia a facilidade de poder escoitala  onde e cando queira desde os dispositivos e emuladores de Alexa, pertencentes a Amazon. Para conseguir isto, tan só hai que dicirlle a Alexa: "Alexa, pon Radio Galega Galega", "Alexa, abre Radio Galega", ou "Alexa, lanza emisión galega", entre outras peticións. Esta ferramenta é totalmente de balde e, a través dela, poderase escoitar a Radio Galega en directo desde calquera lugar do mundo.

Deste xeito, a radio pública de Galicia dá os primeiros pasos na súa distribución a través dos medios propiamente dixitais. Ata o momento, só se pode oír a RG, pero Xosé Pereira, director da área de Innovación da CRTVG, asegurou en declaracións á Televisión de Galicia, que Radio Galega Música tamén estará dispoñible para os dispositivos Alexa proximamente.

As emisións da Radio Galega poden seguirse as 24 horas do día a través das tres canles na FM e na TDT, na web radiogalega.gal e a través dos dispositivos móbiles.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia