CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Goberno, catro escenas

15/01/2020 - 07:39 h

Escena primeira. Nunha crónica dun bo amigo meu, co cal ás veces coincido no xeito de pensar, fálase hoxe da Pasarela da Moncloa. Mira que levo anos vendo ministros, ministras, consellos de ministros, consellos de ministras e ministros e oíndo falar de consellos de ministras a secas, pero nunca vin nada igual: donas e cabaleiros que saían da espesura dos xardíns da Moncloa, con carteiras noviñas e traxes de comer ben. Saían dun en un, ou dunha en unha, con cadencia medida, coma se estivese organizando ese tráfico de tanto poderío un árbitro de baloncesto. Sorrían aos fotógrafos e os fotógrafos pedíanlles aos ministros que saudasen e que enseñasen a carteira, que aínda non debía levar moitos papeis. E eu deixeime engatusar con esas imaxes, porque nunca vira a Irene Montero con zapatos de tacón. E nunca vira a Alberto Garzón con traxe tan guapo nin gravata tan lucida. Penso que non se puxo gravata dende o día que se casou. Moi lindo todo, Valiñas. Eu, cando sexa grande, tamén quero ser ministro para que vexan en Mosteiro-Pol o guapo que me podo poñer.

Escena segunda. Mesa do Consello. Aí tedes a Pablo Iglesias, ao lado do presidente, naturalmente á súa esquerda. Non se lle ve o pantalón, pero estou seguro de que é o primeiro vaqueiro que se ve en tan solemne lugar. Debe estar ledo coma se lle tocase unha Primitiva. Á fin, no Goberno, mentres fóra hai xornalistas que preguntan se se está producindo na realidade política a fábula da ra e o alacrán. O que peor o ten para as fotos é o ministro Castells, que se ten que virar para saír, como pasa nas vodas. A mesa, ou foi ampliada ou antes sobrábanlle cadeiras.

Escena terceira, saen os fotógrafos e estaría moi ben que o presidente dixera: “Por fin sós”, pero coido que non o dixo. Deulles unha pequena teórica, pero moi sentida con iso de levarse ben, que pareza un equipo e traballar moito para cambiar o país. Como se trata de unha coalición progresista, había que empezar por algo mui progresista e acordouse a suba das pensións. 0,9, e as contas da Seguridade Social, outra vez a tremer. Fora de alí, a CEOE botaba contas e non lle saían: con tanto progresismo, o déficit público pode ir ao tres e médio por cento. Pero é que na CEOE, como todos son ricos e de dereitas, non teñen sentido social.

E escena cuarta: milagre! Fala o presidente e responde ás preguntas dos xornalistas. Está ledo. Vai facer moitas cousas. Vai arranxar as inxustizas seculares. Vai falar com Torra, para escándalo dos que pensan que iso é habilitalo. Ao mesmo tempo, o xefe de Torra está falando no Parlamento Europeo para poñer a parir a xustiza, a democracia e o país que o anfitrión de Torra vai gobernar. E aí empecei a ver borroso. E benquerido Valiñas, non acabo de ver claro que pinta no escenario unha muller que vai ser fiscala xeral.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia