CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cataluña, máis ca nós

15/01/2019 - 08:07 h

Se ti sentas nunha cea, na do Nadal por exemplo, a dezasete parentes, e a un invitado hai que darlle moito de comer polas razóns que sexan, tes dúas solucións: unha, mercar máis compango, e outra rebaixar a ración dos dezaseis restantes ou dalgúns deles. Pois iso é o que pasou con esta cea dos presupostos: que Sánchez quizo botar máis peixe aos cataláns e non chegaba para todos e houbo que rebaixar moitas racións. Entre elas, a do invitado galego. Esta mañá estremece un pouco ver en La Voz de Galicia, e que me perdoen os demais xornais, que haberá 67 euros menos para cada galego e 96 máis para cada catalán. Dito doutro xeito, como aquí se contou, que Cataluña ve aumentados os investimentos no 52 por cento e con tendencia a subir, e Galicia ve rebaixados os investimentos nun 19 e medio por cento. E A Rioxa, aínda peor: a rebaixa é dun 40 por cento. As que melloran de xeito notable son Cataluña e Andalucía; agardo que non sexa porque a ministra de Facenda é de alí.

Eu non vou facer vitimismo, que o fan moito mellor os cataláns. Pero si vou dicir que a pregunta da mañá é: a mellora de Cataluña faise para tratar de resolver o problema político ou é para seducir aos independentistas? Se fose para resolver o maior problema político que ten España, poderiamos dalo por ben empregado: maiores concesións se fixeron noutras etapas da democracia, e non racharon as estruturas do Estado, aínda que se resentiron. Pero, claro, esa non é a cuestión. A cuestión é que esa xenerosidade, xustificada polo que di o Estatuto de Autonomía, o que busca é o voto positivo dos deputados cataláns para aprobar as contas. E con iso, darlle a Sánchez vida política e permanencia na Moncloa. E esa é unha aposta de risco, porque non está claro que Puigdemont, Torra e os demais se deixen convencer. E é evidente que o independentismo nos vai baixar a bandeira por uns centos de millóns de euros. Ao revés: poden pensar que o independentismo é rendible e aínda queda moita vaca que muxir. En resumo: mala solución, polo menos discutible, que non contribúe a resolver o problema de fondo e crea outro novo, que é o agravio comparativo. Cataluña ten un problema de financiamento, pero non se pode resolver así. Con cargo aos demais.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia