CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

'Brexit', principio de acordo

14/11/2018 - 08:05 h

Aquí queixámonos moito do personalismo que hai na nosa política, pero no Reino Unido non hai menos. A proba estámola vendo: a única que coñece o principio de acordo sobre o 'brexit' é a primeira ministra, a señora May. O resto dos ministros tiveron onte o texto, estudárono esta noite e hoxe debaterano no Consello de Goberno. O que hai é o dito: un principio de acordo. Parece que se basea nunha aspiración británica, que é que non haxa unha fronteira dura entre a provincia de Irlanda do Norte e a Repúblicade Irlanda. É dicir, que siga habendo unha fronteira invisible de cincocentos quilómetros, pero con liberdade de movemento, porque cada día crúzana cerca de corenta mil cidadáns e hai, sobre todo, moito sentimento.

E a partir de aí, as dificultades. Non se descartan dimisións de ministros e tensións no Partido Conservador. Hai queconvencer aos que queren un 'brexit' duro, e este aproxímase máis a un 'brexit' brando. E hai que convencer os que queren seguir na Unión Europea ou convocar outro referendo. O único certo nesta historia é que o 29 de marzo vindeiro o Reino Unido ten que estar fóra da Unión. Estase traballando contra o reloxo.

A fórmula que hoxe se baralla é a menos mala para todos: fin á liberdade de movementos, pero facilidades de emprego aos demais europeos en Inglaterra; seguir temporalmente na unión aduaneira e outras maneiras de reducir o impacto dunha saída agreste. O menos malo para todos, pero o certo é que se avanza cara ao 'brexit' e, aínda que sexa brando, Europa faise máis pequena. Inglaterra nunca foi un socio coma os demais, pero está deixando de ser socio. E iso prodúcese nun momento en que medra o euroescepticismo, e, se a Inglaterra lle sae ben a saída, non se pode descartar que outros países sigan o seu exemplo. O notable da noticia de hoxe é que Inglaterra está máis fóra que dentro. Civilizadamente, pero máis fóra que dentro. E déixame, Valiñas, expresar unha preocupación persoal: Inglaterra está preparada para dar ese paso. España, con Xibraltar e con tanta relación bilateral, está preparada tamén? Teño dúbidas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia