CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Luís Villares, voceiro de En Marea: "Podemos non é nin autonomista nin municipalista"

14/02/2020 - 08:19 h

O voceiro de En Marea mantén a porta aberta a que a súa formación poida integrarse nunha coalición de partidos de esquerda para concorrer ás eleccións do 5 de abril. Nunha entrevista no Galicia por diante, Luís Villares confía en que nos próximos días "as forzas progresistas sexamos capaces de chegar a un acordo, na mesma liña na que traballamos para conseguilo nas eleccións xerais e municipais".

Unha porta que mantén aberta coas mareas locais, con Anova e co BNG, pero non así con Podemos Galicia, con quen recoñece un distanciamento: "Houbo unha reconfiguración do panorama político galego sobre alianzas, que os levaron a descartar alianzas con Podemos porque, cando foi a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, supeditaron calquera interese galego aos de partido, e agora pode ser igual".

O líder de En Marea advírtelles á Anova e ás mareas municipalistas que Podemos non é un bo compañeiro de viaxe para as autonómicas: "Anova ten que ter en conta o que lles pasou nas xerais en relación cos seus socios, que foron totalmente excluídos. Esa experiencia previa pódelles servir para estaren previdos agora".

Neste sentido, Luís Villares considera que "Podemos non é unha forza que poida considerarse especialmente autonomista nin tampouco é concibida como especialmente municipalista". 

Sobre o estado das conversas con outras forzas para configurar esa coalición, Villares explicou que "estamos sendo proactivos e prudentes, estamos falando con todas as forzas soberanistas, pero non queremos avanzar ningún resultado porque as negociacións están abertas. O importante é buscar alianzas para abrir maiorías".

Respecto desa posible alianza, engadiu que "se non é antes, vai ser despois das eleccións" e pregúntase "por que non a facemos antes, cando temos puntos en común suficientes para facer programa de goberno común".

En todo caso, de non saír adiante a integración de En Marea nunha candidatura conxunta, Luís Villares insiste en que a idea da súa formación é presentarse ás eleccións en solitario, coa súa propia marca.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia