CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Dolores Delgado

14/01/2020 - 07:39 h

Dende un punto de vista estético, a proposta de Sánchez de facer a Dolores Delgado fiscala xeral do Estado non hai por onde collela. Eu non poño en dúbida a capacitación profesional desa dona, que Carmen Calvo definiu onte como "fiscala de recoñecido prestixio". Pero si poño en dúbida o que pon todo o mundo: que se poida pasar de ministra de Xustiza a estar á fronte do Ministerio Fiscal. Ser ministra supón aceptar a disciplina do Goberno do que forma parte, comungar coa súa ideoloxía e ser leal ao presidente. Ser fiscala xeral é todo o contrario: é non estar sometido á disciplina de ningún Goberno, é non comungar con ningunha ideoloxía, porque o dereito funciona á marxe das ideoloxías. E é non ser leal a ningún político, porque a única lealdade admisible na Fiscalía é ás leis e ao Estado. Por iso se chama Fiscalía Xeral do Estado.

Se a señora Delgado é tan discutida, ata o punto de que o nomeamento é visto como un escándalo, é por varias razóns. A primeira, porque os independentistas cataláns exixen que o Estado se retire das causas xudiciais abertas contra políticos e que non se abran outras. Para iso fai falta que a Fiscalía non proceda. Non se pode pedir nada parecido aos xuíces. A verdade é que non debera pedir a ninguén, porque se hai indicios de delito, hai que proceder. Está claro que a anterior fiscal xeral non fixo caso ao Goberno para cualificar como sedición os promotores dos feitos de outubro de 2017. Cualificounos como rebelión, e quizais por iso perdeu a confianza de Sánchez.

E segunda razón é que non se acaba de confiar tampouco em Sánchez. Cambiou tantas veces de opinión, incluso en asuntos de Estado, que se pensa que pode aceptar e facer calquera cousa con tal de perpetuarse no poder. Por exemplo, ter contentos os independentistas para que o apoien na votación dos orzamentos. E non descarto que acaricie o soño de ser o gobernante que acabou co conflito catalán, e para conseguilo está disposto a xogar cunha institución coma a Fiscalía. Se así fose, se conseguise arranxar o cristo catalán, eu estaría disposto a felicitalo e aplaudilo dende a Radio Galega. Pero, como non teño nin creo que teña nunca esa seguridade, hoxe limítome a pedir unha cousa ben pequena: señor Sánchez, non xogue coas institucións. Negocie o que teña que negociar, ceda o que boamente teña que ceder, pero as institucións, entre elas a Fiscalía, non están ao seu servizo. Supoño, benquerido Valiñas, que algo parecido pides ti tamén.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia