CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Orzamentos, Casado e Sánchez

14/01/2019 - 08:03 h

Como hoxe é o día en que coñeceremos a onde irán os cartos dos presupostos, o escoitado da loita entre Sánchez e Casado non foi máis que un anticipo do que virá de aquí en diante. O Goberno ten un alto concepto das súas contas. Tan alto como que di que deixan atrás unha España en branco e negro, cousa que dixo a portavoz Celaá, ou que é a consolidación do Estado de Benestar, ou que é o mellor antídoto contra o populismo de Vox, que dixo onte a ministra de Facenda. É dicir, que estes orzamentos son a Purga Benito que nos van librar de todos os males e traernos todos os bens que poidamos imaxinar. Nese sentido, pódese dicir que o Goberno presenta os orzamentos como o que son e que dixemos tantas veces: un pasaporte para seguir na Moncloa sen necesidade de gobernar por decreto ata cando o señor Sánchez poida, que di que será o ano 2020, aínda que a moitos nos pareza moito dicir.

Pablo Casado, e niso coincide con Albert Rivera, pensa todo o contrario, como escoitaron os nosos oíntes. Pensa que Sánchez é un mentireiro, que dixo que estaría o tempo xusto para convocar eleccións. Pensa que son unhas contas que non se corresponden coa realidade económica do país. E denuncia que se prima a Cataluña coa única finalidade de garantir o voto dos que non queren a España para seguir el á fronte de España.

Esta loita entre os dous principais dirixentes políticos é anormal ante unha lei tan importante. Pero é, sobre todo, a loita que mostra a auténtica realidade das contas públicas: son presupostos porque o teñen que ser; pero son, sobre todo, un instrumento de permanencia no poder condicionado por partidos que non se distinguen polo seu acatamento á Constitución e algúns son claramente anticonstitucionais. Ese é o problema destas contas: que non se pode facer un debate tranquilo sobre o seu contido, senón que está contaminado pola paixón das vindeiras datas electorais e por outros intereses. Non se fala moito da distribución das partidas (aínda que agardo que a partir de hoxe se fale), senón do prezo que, como di Pablo Casado, ten que pagar Sánchez por residir no pazo no que reside.

E o presidente pídelles ao PP e a Ciudadanos que voten a favor ou que se absteñan... Iso si que é vivir de ilusións e falar por falar, querido Valiñas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia