CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xuízo, punto final

13/06/2019 - 08:05 h

Catro meses longos de vista oral. 52 sesións. Cincocentas testemuñas. Sesións de vídeos. E descubrimento dun xuíz: o maxistrado Marchena, cheo de paciencia, tolerante no fondo e escrupuloso nas formas. Sen dúbida, moi cauto ante o recurso que poida haber ao Tribunal de Estrasburgo. E agora, nove dos doce procesados, que se expoñen a penas de 16 e 25 anos. Ese é o balance aséptico do xuízo. Un xuízo que se comparou ao do 23-F, pero hai unha diferenza fundamental: no 23-F non había dúbidas; os sentados no banco fixeron un golpe de Estado clarísimo que era transmitido. Aquí non está tan claro, por moito que o fiscal Javier Zaragoza o cualificase así.

Segunda mirada: o que se viu na Sala do Tribunal Supremo foi exactamente a versión xudicial do debate que houbo na sociedade española en xeral e na catalá en particular. O ministerio fiscal e as acusacións non tiveron dúbida de que o procés foi un movemento insurreccional. A maioría das defensas sosteñen que todo foi unha sucesión de pequenos conflitos de orde pública. As acusacións viron escraches, violencia organizada e unha policía que fixo o que tiña que facer. As defensas só viron violencia na actuación das forzas de seguridade do Estado. O resto foi todo pacífico, exercicio dos dereitos civís de reunión, expresión e manifestación. E, en canto aos alegatos finais dos procesados, convertéronse en alegatos políticos e chamadas á solución política da crise.

Nada novo, todo previsible. Agora, os sete maxistrados da Sala do Supremo teñen que decidir entre as dúas versións, tan enfrontadas que parece que non falaban dos mesmos sucesos. Pero, aí, non poden achegar solucións políticas. Non poden ser, como lles pediu un avogado, artífices da solución. Só poden aplicar a lei. Pero é certo: a sentenza vai ter consecuencias políticas. O movemento independentista xa empezou onte as concentracións, aínda que fose coa desculpa de ver e escoitar os procesados; pero aí temos a Torra, que promete pouco menos que outra rebelión en forma de protestas na rúa e invitacións a desobedecer o que segue chamando farsa de xuízo. Se a sentenza é condenatoria, e non digamos se é duramente condenatoria, tratará de levantar Cataluña contra o que venderán como capítulo da nova represión estatal.

Pero iso está por ver. Os xuíces non poden facer outra cousa que aplicar a lei segundo as probas. E, para min, o máis importante polo de agora é o que dixo un dos defensores, o avogado Xavier Melero: "O xuízo celebrouse con plenas garantías. Foi exemplar polo minucioso e pedagóxico que foi o tribunal". Iso é o que importa, querido Valiñas. O resto está por escribir.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia