CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Virus, medidas económicas

13/03/2020 - 07:39 h

Comprenderás que non teño coñecementos para decidir se as medidas que aprobou o Consello de Ministros extraordinario son boas ou malas. E, sobre todo, non teño capacidade para xulgar se son abondas para resolver o problema que ten este país. Só vexo que 18.000 millóns de euros, case 19.000 se se suman todos os conceptos, son moito máis pequenas que as cantidades que destina, por exemplo, o Reino Unido, que presuposta o dobre, 35.000 millóns, aínda que xa non terá axuda da Unión nin do Banco Central Europeo. E tamén son incomparablemente máis pequenas que o que leva perdido a bolsa, que é un terzo do valor que tiñan todas as cotizadas cando empezou a crise do coronavirus.

Pero aquí do que se trata é de resolver os problemas máis urxentes das pequenas e das medianas empresas e dos autónomos, e quero confiar en que o Goberno fixo ben as contas e, entre as axudas directas e a posibilidade de atrasar o pago de impostos, conseguirá ese obxectivo. Chegados ao punto en que estamos, en algo hai que confiar.

Respecto ás medidas que acordaron as comunidades autónomas, unhas van a remolque doutras, singularmente de Madrid. Nótase que non hai moito máis que facer, como non se queira chegar á situación de Italia, onde está todo pechado, menos as farmacias, os mercados de alimentación e as tendas de servizos básicos.

A min non me importaría que se declarase o estado de alarma, pero nótase que Pedro Sánchez ou non quere unha medida tan radical ou agarda o ditame dos expertos, porque volveu repetir que o Goberno se guía por eles e polos científicos que o asesoran. Pero sáibase que o estado de alarma posiblemente sexa o que corresponde ao que o propio Sánchez volveu a definir como “emerxencia sanitaria sen precedentes”. Se o diagnóstico é tan grave, non teñen por que ser máis pequenos os remedios.

Así que, sumadas todas estas consideracións e despois de falar con grandes coñecedores da crise, non podo evitar a sensación de que falta algo. E o que falta, ao meu xuízo, é precisamente frear os contaxios como sexa. Estanme a dicir que veñen días moi complexos e difíciles que van desbordar os hospitais, e por iso se ceden os privados á Sanidade Pública e se supenden as intervencións cirúrxicas. Para combater esa emerxencia agravada, había que facer máis dende o punto de vista sanitario, aínda que sexa impopular. Imos volver a xornadas de histeria e quizais de pánico nos mercados. Hai empresas que xa están sen actividade nin vendas. E, sobre todo, hai moita xente que vai enfermar e moita máis xente con medo á que se pode pedir responsabilidade individual, pero iso non axota o virus. A esa xente, benquerido Valiñas, non a tranquiliza unha riada de millóns.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia