CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Miguel Tellado (PPdeG): "Se se aglutina o voto de centrodereita arredor do PP poderiamos seguir gobernando Galicia"

11/11/2019 - 09:02 h

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, amósase "moderadamente satisfeito" co resultado obtido nas eleccións xerais deste domingo. O PP volve ser primeira forza en Galicia, sobe 19.000 votos, e amplía a súa representación tanto no Congreso coma no Senado: consegue dez escanos na cámara baixa, un máis con respecto ao 28-A, e oito na cámara alta, gaña tres en comparación coas anteriores eleccións.

Tellado pon o foco nos 180.000 votos conseguidos por Ciudadanos e Vox en Galicia que non obteñen representación no Congreso.

"Hai unha porcentaxe alta de votos de centro dereita que queda sen representación, e creo que temos que traballar para aglutinar ese voto de centro e centro dereita que permita que os gobernos gobernen", dicía nunha entrevista no Galicia por diante.

Con vistas a unhas eleccións galegas, o secretario xeral do PPdeG avoga por aglutinar eses votos baixo as siglas do seu partido para revalidar a presidencia da Xunta de Galicia: "Se o voto de centro dereita se une, hai maioría social que permita blindar Galicia da inestabilidade que hai no conxunto do país. Hai maioría de voto e, se se aglutina arredor do PP, poderiamos seguir gobernando Galicia".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí