CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Franco, acabándose

11/10/2019 - 07:38 h

Así que ti queres que che fale de Franco. Pois, como di o outro, xa todo está falado. Xa todo está falado, porque falou e sentenciou o Tribunal Supremo, e non hai máis que dicir. O Alto Tribunal dixo que todo o que ten previsto o Goberno está ben feito, axústase a dereito e, como din hoxe os xornais, hai vía libre para desenterralo e levalo a Mingorrubio. Será, igual ca a sentenza do Supremo sobre o procés, nos vindeiros días. Supoño que hoxe o Consello de Ministros dirá algo, pero mantendo o que anunciou sempre Carmen Calvo: que todo se fará con discreción e respecto, se se lle pode chamar respecto ao levantamento e expulsión duns restos que levan corenta anos no Val dos Caídos.

Quedan cousas, como a oposición do xuíz Justy pola licenza de obras, pero a súa oposición non ten nada que facer ante unha decisión do Supremo. Queda a oposición do prior do Val dos Caídos, que se puxo en actitude de non pasarán, e non sei se pechará as portas da basílica con sete chaves ou se se poñerá el mesmo na pedra do sepulcro para que non poidan traballar os que van desenterrar. E queda o recurso da familia ante o Tribunal Constitucional, ao que acoden en amparo, pero apostaría unha cunca de viño do país a que o Constitucional non a admite a trámite. Como pista estatística, direi que o TC só admite a trámite un dous por cento dese tipo de recursos que se lle presentan. E ademais, neste caso, non hai ningunha ilegalidade no procedemento. Co cal, todo o terreo está despexado.

Cuestión distinta é o que se vai atopar debaixo da pedra de non sei cantos miles de quilos. Se me permitides unha confidencia, direi que se temen as filtracións de auga ao longo de corenta anos, que poden desfacer incluso os ósos dun Caudillo de España. Esa é a única sorpresa que pode vir. O demais todo está claro e despexado. Tampouco se agardan grandes manifestacións de protesta nin mobilizacións que afecten a orde pública. Xa non hai tanto franquismo, nin sequera residual, como para que sexa unha preocupación da Policía e da Garda Civil. É meirande a preocupación polas protestas da Cataluña independentista, despois de coñecer a sentenza. Esa xente está en pé de guerra.

Dito isto, só podo expresar un desexo: feitos todos os trámites, que se acabe dunha vez este cerimonial, que nos ocupou demasiado tempo e só serviu para consumir enerxías e palabras. E, levado a Franco coa súa muller a Mingorrubio, que siga descansando en paz e deixándonos en paz. 

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí