CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O conselleiro do Medio Rural, José González, avalía a situación dos incendios en Galicia

11/08/2020 - 08:18 h

O conselleiro do Medio Rural, José González, asegurou nunha entrevista no Galicia por diante que a evolución dos incendios forestais en Galicia é positiva: "Tanto o incendio que se declarou en Ponteareas a última hora da tarde de onte como os 6 que se declararon durante a noite están controlados".

Respecto ao incendio de Lobios, que xa queimou 420 hectáreas e se levou a vida dun piloto de hidroavión portugués, considera que está en "vía de estabilizarse" e confirma que o labor actual do dispositivo alí destinado é "arrefriar o terreo". González considera que o máis probable é que ao longo do día de hoxe estea estabilizado.

O conselleiro sinalou que a meirande parte destes incendios son intencionados: "Ninguén discute a intencionalidade. Maioritariamente, o lume está a prenderse despois das 21:30, cando os medios aéreos xa non poden operar. A esa hora xa non se fan barbacoas".

González valorou "a grande importancia" do traballo de investigación dos dispositivos despregados, que permitiron a detención en flagrante de dous incendiarios en Marín e A Teixeira na xornada de onte. "É un labor moi dificultoso, pero desta vez logrouse o obxectivo".

Tamén puxo en valor a prevención dos incendios, que foi especialmente delicada durante os meses de confinamento.

"Organizamos un plan de prevención específico no que investimos 30 millóns de euros".

Ademais, expresou a súa vontade de colaborar cos concellos activamente neste tipo de actividades.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia