CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A pantasma das urnas repetidas

11/06/2019 - 08:04 h

A repetición de eleccións é, polo momento, unha pantasma. Unha pantasma que axita o PSOE para ter unha investidura de Sánchez o máis presentable posible. Esa pantasma empezouse a ver atravesando as paredes da política a semana pasada, e Ábalos deixou constancia da súa existencia na rolda de prensa-discurso que onte pronunciou. Díxoo así: “A alternativa a unha investidura viable é unha repetición de eleccións”. E que é unha investidura viable? Pois supoño que unha investidura que non teña que depender das abstencións de Bildu, dos independentistas cataláns ou de todos aqueles que non respecten a Constitución. Quizais sexa tamén unha investidura que non teña que facer a Pablo Iglesias ministro.

Como pantasma que é, polo de agora non pasa de ser, como digo, unha ameaza con tres destinatarios concretos: o Partido Popular, Ciudadanos e Unidas Podemos, citados sexan por orde de importancia numérica. Hoxe amencemos coa negativa á abstención dos dous primeiros, o PP e Ciudadanos. Co cal, a cuestión redúcese ao papel de Podemos, que lle achega a Sánchez 42 deputados. Se con eles se alcanzase a maioría absoluta, a coalición estaba feita e os soños de Iglesias, alcanzados. Pero hai unha frase enigmática de Ábalos, que veu a dicir que Iglesias no Goberno non suma, senón que pode restar. Restaría, por exemplo, o escano de Coalición Canaria e vaian vostedes saber se os escanos do PNV tamén. Pasa o mesmo coas dúas abstencións de Unión del Pueblo Navarro, UPN: se é froito dun pacto con Sánchez para deixar o Goberno de Navarra á dereita española, o PNV non votaría a Sánchez.

Como diriamos en Mosteiro-Pol, é unha lea de moito pendello. Eu coido que, se Sánchez se presenta á investidura, os indepens cataláns non o deixarán caer: daranlle o voto ou a abstención en segunda votación, porque Sánchez interésalles máis que a repetición de eleccións, pero iso está tamén por ver. Como resumo, a repetición de urna ábrese como posibilidade. Remota ou próxima, está aí. Quen a airea é o PSOE, de momento como ameaza. E se me pides un prognóstico, Valiñas, eu diría que está a un cincuenta por cento, con tendencia favorable á investidura, pero cunha pequenísima marxe. Por un ou dos votos. Case é unha moeda lanzada ó aire. E é, ademais, o que corresponde a 123 deputados: esa gran vitoria da que tanto se presumiu.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia