CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Claves e desexos da campaña electoral

11/04/2019 - 08:10 h

Hai uns días preguntábasme polas claves da precampaña. Hoxe pregúntasme pola campaña que vai empezar esta noite, e téñoche que responder con moitos “supoño”, porque vou falar de algo que aínda non vin. O primeiro supoño ten orixe en algo que pasou despois de que onte falásemos: o señor Tezanos foi entrevistado na SER e dixo, moi resumido, que nin el acaba de crer a súa propia enquisa; que pensa que o Partido Popular vai ter máis votos dos que di o CIS ou que Vox tamén vai medrar aínda máis. Isto significa que dende o Goberno ao que Tezanos pertence van atizar o espantallo da dereita extrema para mobilizar os seus votantes. Sociólogos moi sociólogos, pero a militancia polo que vale. Contemos con iso como primeiro indicativo.

Despois segue estando claro que isto vai funcionar por bloques, porque ninguén ten a maioría absoluta. Pero, dentro dos bloques, imos ver unha loita nas dereitas para obter a primacía. Non gaña só o que máis votos ten, senón o primeiro entre os afíns. Na esquerda está asumido que o PSOE é o grande, e ao mesmo PSOE lle convén que Podemos non se afunda porque necesita os seus escanos para non ter que pactar cos independentistas.

O terceiro supoño é o que onte falamos: que, habendo máis ou menos un corenta por cento de indecisos, hai que gañalos. Imos ver unha tremenda carreira de sedución para gañar a súa vontade. Quede claro, en todo caso, que nunca se viu ao comezo dunha campaña tanta xente que non soubese a quen votar. Se che digo a verdade, Valiñas, entre eles estou eu. Nunca o tiven menos claro.

A partir de aquí, unhas esperanzas. A primeira é que os partidos falen máis das súas propostas que de descualificar o adversario. Que sexan capaces de crear algo de ilusión na xente coas súas ideas e proxectos en vez de lanzar discursos negativos.

A segunda, que coiden non cometer erros. Un erro en campaña custa moitos votos. Pode facer perder as eleccións. E hai moitos candidatos que saen a falar en entrevistas sen ter os datos contrastados. Convén, por exemplo, que saiban cal é o salario mínimo, e vostedes xa me entenden.

A terceira, que haxa debates. Que os fagan como queiran, a dous, a catro ou a cinco, pero non se lle pode negar á sociedade o dereito a contrastar propostas por unha cuestión de estratexia ou de non dar espazo aos contrincantes. Debater é un sinal de normalidade democrática, unha obriga.

E a cuarta, que se leven ben. O mellor posible. Se seguen co nivel de crispación que ata agora amosaron, é moi probable que acaben contaxiando a crispación á xente de ben, que é a xente da rúa.

E dito isto, o comentador cala ata a noite do día 28. Isto é unha radio pública.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia