CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Nicasio Pena, secretario de enerxía da UXT: "A viabilidade de Endesa-As Pontes é que cos lodos funcionen dous dos catro grupos"

11/03/2020 - 08:29 h

A UXT pide medidas urxentes para manter o emprego nas Pontes, tras a confirmación de que Endesa pechará a central térmica para mediados do ano que vén.

O responsable de Enerxía da UXT, Nicasio Pena, valora que Endesa se comprometa a contratar persoal das empresas auxiliares para o desmantelamento da planta, pero di que para daquela a maioría desas empresas xa estarán liquidadas. Fala así nunha entrevista no Galicia por diante, despois de participar onte en Madrid na xuntanza con Endesa, o Goberno, a Xunta e o Concello das Pontes.

"A empresa garante, con moitas reservas, o futuro a partir do ano 2021, se se produce o desmantelamento, a facerlle a formación á xente das empresas auxiliares para que faga parte dese desmantelamento, en caso de que non funcionasen as probas. Pero de aquí a 2021, se o peche a mediados e o desmantelamento empeza a finais, no camiño morre moita xente. Hoxe non hai carga de traballo e non vai aguantar o plantel que hai agora nesas compañías. E despois o problema dos transportistas: se non hai transporte de lodos nin de carbón, sería practicamente o peche".

Nicasio Pena di confiar en que as probas dos próximos meses confirmen que é viable manter aberta a central queimando unha mestura de carbón e de lodos, aínda que iso só sería factible para dous dos catro grupos que actualmente ten a factoría.

"A viabilidade da planta é que funcione ao 50%, é dicir, dous dos catro grupos actuais, que son os que van conectar en xuño á nova obra para a captación do CO2, co cal poderiamos ter traballo por unha temporada, aínda que despois parte da outra central se desmantelase".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia