CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Virus, primeiras medidas

11/03/2020 - 07:39 h

Para entender o que fai o Goberno e as medidas que toma hai que escoitar ben o ministro de Sanidade. E o que vén dicindo o ministro de Sanidade é que a realidade do coronavirus vai cambiando e, como vai cambiando, as medidas acomódanse a esa nova realidade. Que as cousas van a peor, como é evidente que van? Pois endurécense as decisións. Que a enfermidade está localizada, polo que se refire a contaxios, en Madrid, A Rioxa e Vitoria? Pois alí se actúa, alí se pechan escolas e alí se prohiben as concentracións de máis de mil persoas. O resto, coma as fallas ou coma a Semana Santa, imos agardar a ver como vén a cousa. En Lugo estamos tranquilos, porque faltan sete meses para o San Froilán, e de aquí a aló malo será...

Despois están as excepcións. Por que un paisano noso de Ourense, onde, coma en Lugo, non hai ningún contaxio, non pode facer ningunha viaxe do Imserso durante un mes? Por que os afeccionados ao fútbol non poden ir ver sufrir o Celta, o Deportivo e o Lugo e empuxalos para subiren na clasificación, que vaia ano que levan? E por que podo ir a Roma en avión ver a praza de San Pedro pechada e despois non podo volver? Pois para iso tamén hai explicación do ministro: aquí trátase de frear o virus, de cantar aquela canción dos xogos infantís “A tapar a rúa, que non pase ninguén”.

E así imos tirando. Pódese esperar todo ou esperar pouco. A prioridade é que non colapse o sistema sanitario. Non é o mesmo atender mil infectados nunha semana que nun mes. Tamén poderían facer algo para que se collan os teléfonos de consulta, ese ao que nos recomendan que chamemos ao máis pequeno síntoma, porque eu teño un cuñado en Madrid que está seguro de que colleu o virus e a el non lle collen o teléfono nin de broma. É dicir, que volvemos a aquilo de Felipe Gozález no ano 1982: “Que España funcione”. Non sería unha mala medida para combater o bicho.

Veremos o que nos trae o plan de choque. Veremos tamén o grao de autonomía que temos ante a Unión Europea. Veremos se hai cartos para socorrer as familias que non teñen con quen deixar os fillos. Veremos se as medidas que hoxe se aplican en Madrid, Vitoria e A Rioxa se estenden a outras provincias e comunidades. Verémolo todo, que temo que isto non acaba máis que de empezar. Aquí a cuestión é se nós nos veremos como se están vendo en Italia. E vou dicir unha cousa, benquerido Valiñas: salvarnos do coronavirus depende, máis ca nada, de nós; de que tomemos as precaucións debidas. Como agardemos a que o resolva o Goberno, imos apañados. O Goberno axuda con cartos, tal como lle escoitamos á noite a Pedro Sánchez. Para iso pagamos impostos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia