CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Antonio Zan, sobre o novo estatuto das electrointensivas: "En 2019 daban 17€ de axuda por megawatt. Agora, no mellor dos casos, serán 12,5"

11/02/2020 - 08:11 h

O comité de empresa de Alcoa-San Cibrao considera insuficientes as compensacións que recolle o borrador do estatuto das industrias electrointensivas, que agora entra no período de alegacións. A falta de coñecer a letra pequena, o presidente do comité, José Antonio Zan, estima que as axudas serán menores que as do ano pasado.

"O que fixeron foi ampliar de 252 empresas, que había antes, a 600. Casualmente un 25 por cento destas empresas que haberá novas van ser empresas catalás, que non son realmente electrointensivas porque (os requisitos) baixáronos moito e agora hai un abano máis amplo de empresas que opta a el. Ao final, os que realmente somos electrointensivos, que consumimos ao ano  tres millóns e medio de megawatts, como por exemplo pode ser a nosa fábrica, quedamos á mesma altura que unha empresa moito máis pequena".

"Xa nos queixabamos cando eran 252. Agora que son 600, imaxine. Non pode compararse Alcoa cun taller que consuma 1 MW".

"Poñendo que o CO2 vaia ao máximo, o Goberno deixou de investir 4,5 euros (por megawatt) nas empresas. No ano 2019 daban 17 euros de axuda á rebaixa do prezo enerxético das electrointensivas. Agora vai ser de 12,5".

"O que non se pode facer é ternos un ano mareándonos a cabeza e ao final axudar menos ás industrias que axudaban antes".

José Antonio Zan critica tamén que o Goberno anime as fábricas a negociaren directamente coas compañías eléctricas para contratar grandes cantidades de electricidade, pero "sen mediar". Zan afirma que é inviable porque para as eléctricas é máis rendible vender a luz entre os consumidores particulares que venderlla a unha gran fábrica, xa que no mercado o megawatt está por riba dos 50 euros e as fábricas piden comprala a 39.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia