CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Karina Fábregas, avogada de Adicae: "Agardamos que Audasa teña que indemnizar os condutores e os pasaxeiros"

11/02/2020 - 08:21 h

Hoxe comeza no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra o xuízo á concesionaria da autoestrada AP-9 pola suposta comisión dun delito de cobro abusivo polos atascos reiterados que sufriron os condutores durante os tres anos (entre 2015 e 2018) que duraron as obras de ampliación da ponte de Rande.

A avogada da asociación de usuarios Adicae Karina Fábregas, que exerce unha das acusacións, sinalaba esta mañá no Galicia por diante que se trata dun "proceso moi importante para Adicae e para todos os usuarios, no que reclamamos, canda a Fiscalía, que a práctica de Audasa foi abusiva porque non prestou o servizo que os usuarios pagaron".

Fábregas explicou que "non hai precedentes dun xuízo coma este. Dende Adicae temos numerosos precedentes de accións colectivas, pero neste caso estamos a falar de prácticas abusivas e pode ser que a sentenza teña efecto para outras concesións".

A letrada de Adicae agarda que o xuízo remate cunha sentenza que estime por completo as súas peticións e que, ademais de condenar a Audasa a cesar na súa práctica abusiva, "se recoñeza a devolución das peaxes e tamén a indemnización do dobre do valor das peaxes para o condutor e os pasaxeiros prexudicados polas retencións".

Ao preguntarlle sobre a intención da Avogacía do Estado de comparecer no proceso, Karina Fábregas afirma que esa petición non está xustificada porque "o Ministerio de Transportes non ten por que verse prexudicado, non ten por que facerse cargo de indemnizacións, xa que a quen se está demandado é a Audasa".

Sostén que "o Ministerio de Transportes non pode estar ao lado da concesionaria. Ten que estar ao carón dos usuarios. O interese do ministerio non ten ningún tipo de xustificación, polo que agardamos que o xuíz do Mercantil 1 tome medidas e rexeite a pretensión da Avogacía do Estado".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia