CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cartos das autonomías

10/10/2019 - 07:39 h

O que demostra esta penosa historia dos cartos a conta das autonomías é que, se hai vontade política, non existen problemas legais. E quizais demostre algo peor: que ata agora o Goberno central mentiu coas desculpas do atraso. Primeiro dixo que tiña un informe da Avogacía do Estado que impedía transferir eses cartos. E agora é a mesma Avogacía do Estado a que autoriza que eses cartos se transfiran. Como ninguén viu o suposto informe primeiro, hai que supoñer que non existía, co cal o Goberno mentiu. Polo mesmo, hai que dar crédito ás voces que dixeron que Sánchez estaba utilizando ese recurso para presionar as autonomías do PP para que este partido se abstivese na votación da investidura. Iso pódese chamar chantaxe. Non pode levar outro nome unha política que trata de afogar as comunidades autónomas en beneficio dun partido ou dunha persoa, casualmente aspirante á presidencia.

Segunda consideración: á Avogacía do Estado non lle quedou máis remedio que ceder, porque a falta dese diñeiro o que estaba a facer era atrasar os pagamentos aos provedores e algo aínda peor, se cabe: preduxicar os servizos que prestan ás autonomías, sobre todo en materias tan delicadas como son o ensino e a sanidade, que non é outra cousa que a saúde dos cidadáns. Algún día haberá que facer o reconto de danos, porque unha política así non pode quedar sen a atribución de responsabilidades.

E terceira consideración, sobre Galicia. O noso país entende que o Estado ten unha débeda coa Xunta de 700 millóns de euros,  Se na repartición que vai vir se adiantan 330 millóns, non é nin a metade do que se debe, segundo as contas da Xunta. Eses cerca de catrocentos millóns que se nos deben teñen que ser reclamados. Reconforta saber que a Xunta os vai reclamar por todas as vías posibles, incluída a xudicial. O comentarista non pode facer outra cousa que alentar o Goberno galego a seguir nesa vía. Se hai unha débeda, hai que pagala. E é, polo momento, ou eu teño que dicir, benquerido Valiñas. A lealdade entre o Estado e as administracións que se chaman periféricas comeza polo principio evanxélico de dar a Deus o que é de Deus, e ao César o que é do César. O Estado poderá ser o Deus, ninguén llo discute, pero o César é a administración máis próxima ao cidadán, que é o goberno autónomo. Se se comeza a negar dereitos e recursos económicos, nin hai lealdade nin, como din na miña terra, Cristo que a fundou. Amén. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí