CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Os pactos, a cinco días

10/06/2019 - 08:07 h

Para valorar debidamente o que se xoga nestes últimos cinco días de diálogo en busca de pactos, non hai máis que mirar a Galicia: case un cento de concellos, 95 exactamente, dependen dos acordos que se alcancen estes días. E alcanzaranse, pola conta que lles ten.

No resto de España, as grandes atencións están en Barcelona, onde Colau non pedirá os votos de Valls, pero vainos aceptar, porque deles depende para seguir sendo alcaldesa. En Madrid resultaba imposible, indecente e no sei cantos máis "in" que Ciudadanos negociase con Vox. O que se dixera é que, se había que falar co partido de Abascal, sería para informalo dos acordos alcanzados co PP e punto. Pero aí o tedes: Aguado, líder rexional de Ciudadanos, reuniuse coa súa homóloga Monasterio, de Vox, aínda que non houbo foto, pero si xuntanza. E agora quedan sen arranxar Navarra, Murcia, Aragón e Castela e León, autonomías en que Ciudadanos é forza decisiva. Como non son profeta, non sei que pasará, pero esta semana algo van resolver. Igual que en Galicia, pola conta que lles ten.

Para min, o máis importante é o de Colau en Barcelona e Ciudadanos en Madrid. Que o partido de Rivera se xunte a falar co de Abascal ten un significado importante: os vetos ou liñas vermellas existen, pero teñen unha duración limitada. Duran o que duran, mentres non pasen das palabras. En canto chegan os feitos, desaparecen. E os feitos en política resúmense nun concepto: repartición do poder. En canto se trata de tocar poder ou de perdelo, nin liñas vermellas nin vetos. Tapan o fociño e empeza a realpolitik. Isto é o que está pasando e imos ver moitos máis exemplos nestes cinco días.

A pregunta é: pasará o mesmo na negociación para formar Goberno, que Pedro Sánchez empezará mañá cos tres principais líderes dos tres primeiros partidos? Tratará Sánchez de seducir a Albert Rivera, que lle garante a maioría absoluta sen ter que andar facendo un Goberno Frankenstein? Esquecerase Rivera de todo o que dixo de que ao PSOE nin auga? Renunciará Pablo Iglesias á súa demanda de entrar no Goberno de Sánchez? Escoitará Pablo Casado a demanda de Sánchez de que se absteña para non depender dos independentistas, ou diralle o que Sánchez lle dixo a Rajoy de "non é non"? Todo isto está aberto e todo é posible. Benquerido Valiñas, unha vez que empezaron a caer os vetos ou borrarse as liñas vermellas no ámbito municipal, todo é posible no ámbito estatal.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia