CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A enquisa do CIS de abril

10/04/2019 - 08:07 h

O peor que ten esta enquisa do CIS é que hai un 40 por cento dos consultados que non teñen decidido a quen votar, non saben ou non contestan. Un 40 por cento, mírese por onde se mire, é case a metade do censo. Polo tanto, todo pode cambiar nos dezaoito días que faltan para a consulta. É un retrato de medio país, do país máis convencido. Non se poden sacar conclusións que se aproximen a definitivas.

O segundo problema das enquisas do CIS é que xa non gozan da credibilidade que tiveron. Grandes expertos da demoscopia descualificaron os traballos de Tezanos, ben pola súa militancia partidista ben polos métodos que ata agora utilizou e que parecían claramente favorables ao Partido Socialista e á súa extratexia de mobilizar o electorado. E iso tamén salpica á enquisa de hoxe, que fai dubidar de se se trata dunha manobra para desalentar ao Partido Popular ou segue sendo unha manobra para mobilizar o electorado de esquerdas.

Con esas salvidades, que non son pequenas, todo está condicionado á fe do público e á desconfianza dos políticos. En primeiro lugar, do PP, que non pode crer ese pau que leva, con perda de case a metade dos deputados, humillado ademais por Vox, que ten unha aparición espectacular. Este cronista, ante estetipo de sondaxes, sempre ten unha pregunta: e se fose verdade?

Se fose verdade, teriamos o mapa que publican algúns medios: España, tinguida de vermello con poucas excepcións. Sen mirarmos o mapa e aténdonos aos datos, unha maior radicalización da política, polo crecemento de Vox, de Bildu e de Esquerra Republicana. A boa nova sería que Sánchez, para formar Goberno, non tería que poñerse nas mans dos independentistas, pero si nas mans de Podemos, o que non creo que fose ben recibido polos mercados en tempos en que se fala de arrefriamento da economía. E se fose verdade, aí teriamos o milagre de Pedro Sánchez, que, como vimos anotando, foi o presidente máis descualificado pola opinión, pero conseguiu estar na centralidade política e representar a moderación. Esa sería a clave fundamental do seu ascenso e da salvación da socialdemocracia. O mal menor, que se di nestes casos.

E unha ollada a Galicia. En Marea desaparece. Non ten un só deputado. Velaquí como se pagan as disensión internas. Sorprende o bo resultado do PSdeG sen facer moitos méritos. É outra consecuencia do efecto Sánchez, que vén a ser o efecto Moncloa. Pero Galicia, pese a todo, é onde mellores resultados obtén o PP. Agora, querido Valiñas, empeza a outra verdade: combater o CIS e intentar dar a volta ás súas enquisas. Pablo Casado non ten nada máis importante que facer.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia