CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Coronavirus, pánico

10/03/2020 - 07:39 h

A palabra medo queda pequena. Case hai que falar de pánico. O pánico dos mercados debe ser, cando despois de se afundiren as bolsas, á semana seguinte a de Madrid leva un revés do oito por cento. Pánico debe ser cando os expertos din: non merque vostede gangas, porque pode baixar máis. E pánico é cando os grandes investidores foxen e se refuxian no mercado do ouro e quedamos os pobres coas nosas miserias en caída libre.

Pois iso é o que está pasando. E por que se chegou a esta situación? Porque non se sabe o que pode pasar; porque se empeza a falar de recesión; porque se ve que Italia pode paralizarse; porque as previsións de déficit da Unión Europea van ir polo río abaixo; porque haberá que atender antes que nada á sanidade, e porque o número de infectados aumenta en toda Europa e as empresas pensan que se poden infectar tamén. Eu non son ningún experto, pero empézame a parecer que esta crise vén moito máis agresiva e descontrolada que a que pasamos a partir do ano 2007.

Agora empézanse a mover os gobernos. A Pedro Sánchez espertouno o primeiro ministro de Italia, que falou onte ás dúas da mañá e demostrou que un xefe de Goberno ten que estar á fronte dunha crise desta gravidade e xa non chega con que nos fale un técnico, por moi respectable que sexa. Supoño que o espertaron tamén Pablo Casado e algún medio informativo, ao botarlle en cara que non tivera ningún acto de presenza. E onte o señor Sánchez comunicou que leva dúas semanas preparando un plan. Carracho, señor Sánchez!, para ser un plan de choque, moito tempo tomou. E, para telo preparado, non sei para que o vai negociar agora cos axentes sociais. Diga máis ben que tomou isto do coronavirus como unha cousa pasaxeira, que o pillou entretido nas leas con Podemos e emocionado co Día da Muller.

A ver que plan de choque nos preparan, que pode ocorrer que sexa peor o remedio que a enfermidade. Debémonos dispoñer a todo tipo de sorpresas, porque cambia a perspectiva. Ata agora, os nenos non se contaxiaban. Agora temos os primeiros peches de escolas, que farán que os nenos non se contaxien no colexio, pero si nas zonas de ocio, porque xa me dirán que fan os cativos que non van á clase. Non sabemos nada, benquerido Valiñas. Nada. O único que se pode pedir é que os poderes públicos de aquí, de Italia, de Francia, de Alemaña, acerten no tratamento do pánico e non provoquen máis histeria da que xa se produciu. Porque, ademais do risco de enfermarmos, agora estamos ante o risco de empobrecer.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia