CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Enrique Mallón (ASIME): "Imos agardar que os números do estatuto nos fagan minimamente competitivos"

10/02/2020 - 09:06 h

O presidente da patronal do metal en Galicia, Enrique Mallón, confía en que o estatuto das electrointensivas que o Goberno central presenta esta tarde dea resposta ás demandas do sector.

Nunha entrevista no Galicia por diante, o presidente de Asime dixo que confía en que "o Goberno tivese en conta todas as declaracións que fixemos desde Galicia e desde outras comunidades e que os números que deixe ese estatuto nos fagan minimamente competitivos".

Mallón dá por feito que non se van superar as vantaxes que teñen as empresas francesas ou alemás, pero "imos confiar en que sexa, cando menos, situarnos no mesmo nivel para poder competir".

O presidente de Asime falou tamén da situación dos estaleiros Barreras e Vulcano. Nese sentido, agarda que Barreras solucione esta semana "o acordo de refinanciamento" e confía en que a política industrial galega "marque unha obrigatoriedade de continuar coa construción naval nas instalacións de Vulcano, que son unhas das máis senlleiras de toda España".

Mallón apuntou tamén á marcha das negociacións dos convenios colectivos das empresas metalúrxicas. Aínda que están no comezo das conversas, o presidente de Asime pediu "ter en conta a situación de ralentización da economía e intentar que os convenios acheguen flexibilidade á organización empresarial", ademais de "se adaptaren ás situacións da igualdade e da industria 4.0".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia