CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Moito ministro, moito

10/01/2020 - 07:37 h

No libro 'Una España mejor', Mariano Rajoy presume de varias cousas. Unha delas, como nomeaba os ministros. Nunca comunicou nada por Twitter nin cousa parecida. Cando os nomeou, o rei foi o primeiro en sabelo. Parecíalle que era o correcto, porque, como apuntamos algún día, o que di a Constitución é que quen nomea os ministros é o xefe do Estado, previa proposta do presidente do Goberno. Xa se sabe que Rajoy era e é moi meticuloso nas formas.

Agora todo é ao revés. Esa pata da coalición que se chama Unidas Podemos parece que nomeou os seus ministros pola súa conta, non consultou con ninguén e cando se votou a investidura, os catro xa sabían que estarían no consello e incluso se comunicou á prensa o equipo de Pablo Iglesias, con dous secretarios de Estado e un xefe de gabinete. Tiña pinta de querer ser un Goberno dentro doutro Goberno.

Despois, Pedro Sánchez, polo menos, agardou a ser presidente efectivo. Pero está tendo unha rara táctica de informar de nomes e funcións. E a técnica do goteo: agora, tres vicepresidencias; mañá, unha cuarta. Agora, unha portavoz. Mañá, os primeiros cesados. O rei sabe dos ministros pola prensa. Polo menos, non temos noticia de que haxa unha comunicación formal dende a Moncloa ao Palacio da Zarzuela.

Como Podemos comunicaba os seus ministros, cabreábase Sánchez. Ahora os cabreados son os de Podemos, porque Sánchez sacou da chisteira tres vicepresidencias, ademais da súa, fai un póker de vicepresidentas e vicepresidente, e Pablo Iglesias ve rebaixada a súa importancia, porque queda diluído entre tanto mullerío. Non é o mesmo ser vicepresidente único, como parecía, que ser un máis entre tanto xentío, con competencias moi limitadas e cunha vicepresidenta que vai mandar na axenda 2030, que tanto lle gusta a don Pablo.

Hai en todo isto unha evidente maldade de Sánchez, que terá efectos despois: Iglesias nunca acabará de fiarse de Sánchez, se é que alguna vez se fiou, que parvo non é. E así empeza a andar o novo Goberno, o que se lle empezan a facer contas. Se hai vinte ministros, polo menos, canto custa iso? Hai xornais que calculan dous millóns de euros máis, soamente en persoal. Pero, será por diñeiro? Hai moita xente a contentar, porque son dous partidos. Que diferenza con Rajoy, que tivo trece ministros! Pero non fagamos comparacións. O importante será que funcione, que fagan unha boa política. E a min o que máis me intriga é Alberto Garzón, o de Consumo, porque esas competencias están transferidas ás autonomias e en moitas delas, benquerido López Vila, non pasan de ser unha xefatura de negociado. Pero Garzón xa é ministro. E dicía aquel franquista: "Ministro? Aínda que sexa de Marina".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia