CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Vox e PP, o pacto

10/01/2019 - 08:04 h

Velaquí a vella batalla entre o fin e os medios. O fin era colocar a Moreno Bonilla na presidencia da Junta de Andalucía e os medios eran os pactos que se fixeron. O fin está conseguido: a semana vindeira Moreno Bonilla será presidente, e a dereita mediática está moi satisfeita: "Se acabó", di hoxe a portada do ABC, como se botar os socialistas do Goberno andaluz fose a extinción dunha praga. Os medios son discutibles. Tan discutibles que, á hora de atribuír o éxito, o xornal La Razón di claramente: "Casado logra la Junta sin ceder a los órdagos de Vox". En cambio, El País asegura que "El PP asume parte del discurso de Vox". Polo tanto, eu penso que, se isto fose un acordo comercial, sería un bo acordo: non está claro quen gaña e quen perde e parece que os dous firmantes teñen algo que celebrar.

Ao meu xuízo, o importante para o PP é que pode presumir de que Vox non tivo máis remedio que renunciar ao máis gordo que propoñía, que era a derrogación das leis de violencia de xénero, de dereitos dos colectivos gays e trans, de non poñer no papel a expulsión de 52.000 inmigrantes ou desa trangallada defacer o Día de Andalucía no aniversario da conquista de Granada. A retirada da lei andaluza de memoria histórica non é propiamente unha cesión do PP, porque unha das primeiras propostas que fixo Casado foi a de substituíla por unha Lei de concordia, e é o que figura no pacto.

O PP, pola súa banda, acepta, efectivamente, moitas propostas de Vox, pero son propostas sobre todo administrativas ou lindeiras coa corrupción. Destacan as de inmigración, ensino e aborto. Pero, máis aló do contido, o que vai contar para o futuro son outras cousas. Primeira, que se pactou coa ultradereita, e iso págase no futuro. Segunda, que ese pacto vai servir para dar vitalidade ao movemento feminista e posiblemente anime o electorado de esquerdas, que é o que quere Pedro Sánchez. Terceira, que entre o que impón Ciudadanos e o que impón Vox non sei moi ben que é o que queda de propostas propias de Juanma Moreno. E cuarta, que o Goberno andaluz queda en mans de Vox. Ten escanos abondos para condicionar calquera decisión que pase polo Parlamento. Agardo, polo menos, que se entendan despois.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia