CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O debate

09/04/2019 - 08:05 h

Os expertos en demoscopia, á vista de como van as enquisas, pensan que un debate sería decisivo para aclarar as cousas. Pero chega con que os expertos pensen así para que Ferraz e A Moncloa non pensen o contrario; e, como as enquisas van a favor de Sánchez, para que asumir riscos? Que sigan as cousas como están, que o vento corre a favor de Sánchez, e non é cuestión de tentar o demo. Total, que entre o que dixo onte Ábalos e esta constatación quedaremos sen debate a dous e xa veremos se hai debates a catro ou a cinco con presenza do presidente do Goberno.

Ese é un xeito de explicar a negativa de Sánchez a sentar a debater. A seguinte é que, se se segue a tradición, terían que enfrontarse Sánchez e Casado, da mesma maneira que sentaron González e Aznar ou Rajoy e Sánchez. Pero iso sería dar protagonismo a Casado, recoñecerlle que é a alternativa por riba de todos os demais aspirantes. E Sánchez, manual de supervivencia, non vai caer niso. Para el o mellor é que a dereita apareza dividida en tres, e, tal como está, está moi ben para os seus intereses. Estando dividida, tamén está dividido o voto, e Sánchez non vai dar facilidades para que un resalte sobre todos os demais. Sánchez debía gozar grandemente cando parecía que Ciudadanos se impoñía ao PP e debe gozar agora cando ve que hai varias provincias onde Vox é a segunda forza. Se iso lle vén ben, para que xogar a cambiar un panorama tan favorable? Díselle que non ao debate e que sigan as cousas así. Igual que dous non berran se un non quere, dous non debaten se o outro non senta. Iso é todo.

E penso algo máis. Hai que lembrar que Sánchez lle retirou a palabra a Casado no verán pasado por un encontrón no Congreso. E non volveu falar con el. E onte mesmo Casado díxolle a Sánchez que o presidente prefería as mans manchadas de sangue ca as pintadas de branco. Ese ton tampouco facilita que poida haber un diálogo sereno arredor dunha mesa de debate: poderiamos ver unha confrontación máis próxima ao rancor que á serenidade que se necesita nun debate político en que se deben discutir solucións aos problemas do país.

É dicir, que, ademais de estratexias egoístas, tampouco hai clima para debater. E penso que entre cinco tampouco. Case estou por pensar que, no clima de tensión e de enfrontamento que hai na campaña e entre os líderes principais, o mellor é que non haxa debate. Terminaría por contaxiar o país.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia